A Plataforma en Defensa da EP-2702 conseguiu o respaldo do goberno municipal de Alternativa Veciñal e dos grupos do PSOE e do BNG para trasladar á Deputación de Pontevedra a necesidade de acometer unha actuación integral na estrada provincial que une Amoedo e Os Valos. O Partido Popular foi a única formación política do municipio que se descolgou da petición veciñal.
Na xuntanza acordaron solicitar unha reunión urxente co presidente da Deputación e cos responsables da área de Infraestruturas, a reclamación dun calendario oficial para o inicio das obras xa aprobadas así como un compromiso político para redactar o proxecto correspondente ao resto do trazado.
Na reunión, convocada pol Plataforma, estiveron presentes o alcalde de Pazos de Borbén, Luciano otero, e os voceiros municipais do PSOE, Anselmo Taboas, e do BNG, Xurxo Pardo, que manifestaron a súa disposición a colaborar na procura dunha solución para esta infraestrutura.
Pola súa banda, os representantes do PP declinaron asistir á convocatoria. A Plataforma lamentou esta ausencia ao considerar que se trataba dun encontro destinado a buscar unha posición común sobre unha demanda de interese xeral para o municipio.
Durante a reunión tamén se puxo de manifesto o atraso que acumulan as obras do primeiro tramo da EP-2702. A Plataforma lembrou que xa pasou máis dun ano desde a sinatura do convenio anunciado pola Deputación de Pontevedra e asegurou que os traballos aínda non comezaron, malia que inicialmente se anunciara un inicio próximo das actuacións.
A entidade considera insuficiente a intervención prevista, xa que afecta unicamente ao primeiro quilómetro dunha estrada de preto de oito quilómetros de lonxitude. Segundo explicou, os sete quilómetros restantes continúan sen proxecto coñecido, sen calendario de execución e sen un compromiso oficial da Deputación para dar continuidade ás obras.
Outro dos aspectos abordados foi a falta de interlocución coa administración provincial. A Plataforma asegurou que nin ela nin o Concello de Pazos de Borbén foron recibidos ata o momento pola Deputación para analizar o futuro da estrada, unha situación que considera preocupante dada a relevancia da reivindicación.
Como resultado da reunión, os asistentes acordaron impulsar unha nova etapa de reivindicación institucional. Entre as medidas previstas figura a solicitude dunha reunión urxente co presidente da Deputación e cos responsables da área de Infraestruturas, a reclamación dun calendario oficial para o inicio das obras xa aprobadas e a esixencia dun compromiso político para redactar o proxecto correspondente ao resto do trazado da EP-2702.
Ademais, propoñen a creación dunha mesa permanente de seguimento integrada pola Plataforma, o Concello e os grupos políticos municipais que desexen participar, así como manter informada á veciñanza sobre a evolución das xestións.
A Plataforma tamén anunciou que, se continúa a falta de respostas por parte da Deputación, estudará a convocatoria de mobilizacións diante do Pazo Provincial coincidindo coa celebración dos plenos da institución.









