Hoxe é Venres 26 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Pleno aproba unha inxección económica de 30.000 euros para salvar o C.D. Choco

Captura de pantalla 2026-06-25 212534

O pleno municipal aprobou, cos votos a favor de PSOE e PP e a abstención de AER e BNG, a concesión dunha subvención nominativa de 30.000 euros para garantir a continuidade do Club Deportivo Choco. O achega busca paliar a complicada situación económica que atravesa a entidade deportiva. A sesión tamén abordou outra subvención nominativa, de 10.000 euros para a Confraría, destinada á rexeneración dos bancos marisqueiros.

O partido socialista defendeu a achega ao Choco argumentando a delicada situación económica que atravesa a entidade deportiva, que conta con 15 equipos federados e 366 licenzas. Segundo explicou a voceira do PSOE, Ríta Pérez, alcaldesa, trátase dunha subvención excepcional destinada a garantir a continuidade do club e, especialmente, da súa estrutura de fútbol base, que desenvolve unha importante función educativa e social entre a mocidade do municipio.

Rita Pérez, PSOE

Roberto Villar cualifocou a axuda de “inxusta respecto do resto dos clubs deportivos” pero engadiu que Concello non debe deixar caer unha entidade cun peso tan importante no deporte local. O edil de AER advertiu ademais de que os fondos deben empregarse exclusivamente para soster o fútbol base e non para outros gastos relacionados co primeiro equipo, como fichaxes ou contratacións alleas á formación deportiva.

A pesar destas reservas, o seu grupo optou pola abstención, apelando á responsabilidade institucional e confiando en que a nova directiva do club corrixa o rumbo seguido nos últimos anos.

Roberto Villar, AER

Pola súa banda, o BNG tamén recoñeceu a relevancia social do Choco e a importancia do deporte base para nenos, nenas e mozos, aínda que lamentou a situación pola que atravesa a entidade, marcada por dimisións internas e polo descenso do equipo sénior. Tamén quixeron insisitir que esta axuda ten que ser para favorecer ese deporte base e que o club traballe tamén na recuperación do equipo feminino.

Xoán Carlos González, BNG

Un dos momentos centrais do debate chegou coa intervención do popular David Muiños, quen asegurou que a subvención pode ser necesaria polo importante papel que desempeña o club na vida social do municipio –de feito o PP votou a favor- pero cuestionou a ausencia dun marco claro para a concesión deste tipo de axudas nominativas.

Segundo expuxo, o problema non é tanto a subvención ao Choco como a falta de criterios públicos e obxectivos que permitan saber que entidades poden acceder a apoios extraordinarios semellantes. Muiños criticou que, tras anos de goberno, non exista unha regulación clara que dea seguridade ás asociacións deportivas, culturais ou sociais e evite a sensación de arbitrariedade.

David Muíños

En resposta, Rita Pérez defendeu que as subvencións ordinarias destinadas aos clubs do concello seguen criterios obxectivos e que todas as entidades reciben as súas correspondentes axudas en condicións de igualdade. No caso do Choco, insistiu en que a situación financeira da entidade xustifica unha actuación excepcional por parte do Concello. Tamén aclarou que o convenio que acompañará a subvención delimitará con claridade os gastos que poderán financiarse e reiterou que os fondos non poderán destinarse a fichaxes nin a outros conceptos alleos ao obxectivo de garantir a continuidade do proxecto deportivo.

Axuda para a Confraría

Xunto á subvención deportiva, o pleno aprobou unha achega de 10.000 euros para a Confraría co obxectivo de financiar a compra e semente de marisco. A medida pretende contribuír á recuperación dos bancos marisqueiros nun momento especialmente complicado para o sector, afectado pola elevada mortalidade dos recursos mariños.

Segundo explicou o Goberno local, a entidade agrupa preto de 200 persoas e a redución da produción provocou unha caída significativa dos ingresos das traballadoras e traballadores do mar. A subvención busca garantir a continuidade da actividade e reforzar o futuro económico dun sector considerado estratéxico para o municipio.

Rita Pérez, PSOE

Desde o BNG criticouse que o executivo volvese presentar a mesma proposta que xa levara a un pleno anterior sen incrementar a contía da axuda, malia a gravidade da situación que atravesan as mariscadoras.

Xoán Carlos González, BNG

Pérez respondeu que o Concello mantivo contactos co colectivo e asegurou que, segundo os informes da Xunta de Galicia, un incremento da achega municipal provocaría unha redución da subvención autonómica, polo que a cantidade finalmente consignada é a máxima viable nas actuais circunstancias.

Durante o debate tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de actuar sobre os aportes de auga doce á ría para combater a mortandade do marisco, unha cuestión que varios grupos consideraron clave para garantir a recuperación do sector a medio e longo prazo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará