Na noite de San Xoan, Cesantes converteuse no escenario da celebración que mesturou tradición, deporte e comunidade. O C.C.D. Cesantes Rodavigo aproveitou a noite para presentar oficialmente as súas categorías, embarcacións e novidades da tempada, nun acto cheo veciñanza, familias e afeccionados.
Entre a sardiñada, a música en directo e antes de acender a gran fogueira, o club —con máis de 40 anos de historia— compartiu a súa “Noite Máxica”, tal e como se presentou no evento. A presentación serviu para amosar o crecemento do club e o compromiso das súas remairas e remeiros.
Principais novidades da tempada 2026
O club incorpora o Remo de Mar, unha modalidade en expansión a nivel internacional e con ollos postos nos Xogos Olímpicos. Para iso, adquiriron tres novos barcos Ave Coastal Explorer, as primeiras unidades de banco móbil da entidade. Estas embarcacións estrearanse na Praia de Cesantes.
Outra gran estrea é a categoría de Adultas, un grupo mixto novo con mulleres veteranas e o remeiro Noé, que se incorporaron con forza e ilusión. Ademais, a Traiñeira Masculina Senior mantense como un equipo forte e competitivo, participando activamente na Liga Galega.
Presentación dos equipos
- Senior Masculino – Traiñeira Masculina: Abriron a presentación cos remeiros que recibiron unha equipación especial personalizada cos seus nomes.
- Categorías Inferiores (Infantís, Cadetes e Xuvenís): Representan o futuro e a canteira do club. Subiron xuntos ao escenario.
- Veteranas: Pecharon a presentación das categorías como a gran novidade, un grupo mixto con moita enerxía que aspira a competir o próximo ano.
O presidente Jorge Crespo e a directiva, xunto cos adestradores Felipe Silva, Benjamín Vázquez, Roberto Piedras, Iván Silva, Roge Tapia e todo o equipo técnico, foron recoñecidos polo seu labor. Tamén agradeceron ás familias e á veciñanza e ao patrocinador principal Rodavigo.
O club destacou a colaboración de socios, veciños, empresas locais e o Concello de Redondela, que axudaron a sacar adiante a fogueira despois de que uns vándalos a queimaran 24 horas antes. Malia o incidente, a festa foi un éxito grazas á solidariedade da comunidade.
Campamento de Verán e chamada ao remo
Durante o acto recordouse que segue aberto o prazo de inscrición para o Campamento de Verán para rapaces e rapazas de 6 a 16 anos: multideporte con remo, xogos, actividades na praia e excursións. Hai prazos de inscrición abertos con descontos para irmáns.
O club rematou invitando a quen queira probar o remo: “Ven, rema e forma parte desta familia”. A noite continuou coa acendida da fogueira, a queimada e música festiva.














