Hoxe é Venres 1 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela acolle a Final 4 de Primeira Autonómica

81103a56-cfce-4dbd-a22a-66fc2e0565f2

O Pavillón Municipal Manuel González Soto de Chapela acollerá os encontros da Final 4 de Primeira Autonómica os días 2 e 3 de maio, nunha cita organizada pola A.D. Carballal en colaboración co Balonmán Chapela, e que reunirá aos mellores equipos da categoría, entre eles o SAR Opmobility, o propio Chapela, o Seis do Nadal e o Noroplaza Atlántico.

En xogo estará moito máis ca un título. No cadro masculino decidirase a última praza de ascenso a 1ª Nacional, mentres que no feminino determinarase o conxunto que optará a dar o salto á División de Honra Prata. Todo isto nun formato que, como vén sendo habitual, concentra nun mesmo pavillón e nun só fin de semana a emoción das fases decisivas.

O SAR Opmobility chega á cita tras pechar a liga regular na terceira posición con 31 puntos, malia caer na última xornada na Bomboneira ante o Bueu Atlético Balonmán (33-37). Un partido no que os redondeláns foron de menos a máis na primeira metade, pero no que as imprecisións tras o descanso lles impediron manter o control do xogo.

O seu adestrador, Iván Vázquez, fai un balance positivo da tempada: “Os resultados deportivos acompañaron na maior parte do curso, incluso sumamos un punto máis ca o ano pasado, pero as sensacións foron diferentes”. O técnico recoñece que a irregularidade foi unha constante: “Non foi unha mala tempada, pero si moi irregular. Faltounos continuidade no xogo e tamén nos adestramentos, en boa medida polas lesións”.

Precisamente ese foi un dos condicionantes do equipo ao longo do curso. “Tivemos moitas pequenas lesións que nos obrigaron a ir recompoñendo o equipo continuamente, sen chegar a ensamblar o puzzle por completo”, explica, aínda que destaca que agora o cadro chega á fase decisiva “practicamente ao completo”, coa excepción de dous xogadores tocados.

Xa centrados na Final 4, o SAR Opmobility medirase na semifinal ao Noroplaza Atlántico, mentres que a outra eliminatoria enfrontará ao Seis do Nadal co Balonmán Chapela. O obxectivo é claro: “Queremos estar na final, sexa contra quen sexa. Sería moi bonito un derbi contra Chapela, ademais na súa casa, pero o primeiro é gañar a semifinal”.

O técnico tamén pon en valor a experiencia do equipo neste tipo de competicións: “Desde que estamos en Primeira Autonómica xogamos sempre a Final 4. Iso dános experiencia, pero tamén unha certa presión por querer dar o salto definitivo”.

Así, todo está preparado para unha fin de semana que promete emoción, igualdade e espectáculo, coa loita polo ascenso como gran protagonista.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará