Nun esforzo por preservar o legado botánico da zona, a emprendedora local Estefanía Fernández impulsou unha iniciativa orixinal dende a súa parroquia natal de Cesantes. Propietaria dunha tenda especializada en produtos ecolóxicos en Silleda, Estefanía despregou unha serie de carteis polas parroquias de Redondela cun chamado urxente: colaborar na multiplicación e conservación de rosais antigos mediante un método sinxelo e respectuoso coas plantas orixinais.
Nunha parcela de Cesantes, coida uns 300 rosais que forman parte da súa marca Lar do Aquel, especializada en tés artesanais. “Teño centos de rosais, pero non todos están na miña finca; algúns pasan por Silleda, onde fago os esqueixes, e cando están listos, veñen para aquí, a Cesantes. Agora é a época ideal para trasplantar. As variedades máis antigas son as máis aromáticas; por exemplo, o rosal de damasco, do que se extrae un aceite esencial carísimo, e teño ao redor de 50. Unha vez deshidratados, os pétalos aromatizan o té”, explica Fernández con entusiasmo.
Inspirada no éxito dunha acción parecida o ano pasado en Silleda –onde a resposta comunitaria foi ampla–, a iniciativa xa captou o interese da veciñanza de Redondela. “Empecei a poñer carteis polas parroquias e fun xuntando un montón de variedades en Silleda e tamén aquí. Os rosais antigos non dan flor no mesmo ano no que enraízan e teño que esperar á primavera seguinte para saber como son e que aroma ou cor teñen”, detalla.
O proxecto busca evitar que desaparezan estas xoias hortícolas, que corren risco en propiedades abandonadas pola acción de desbroces salvaxes ou o simple paso do tempo. Entre as mariedades máis exclusivas da súa colección destacan a Variegata di Bologna, unha beleza italiana de 1909 con pétalos delicados, e o Madame Isaac Pereire (Francia, 1881), un bourbon perfumado que serviron de base para todo o seu proxecto. Non foi doado ampliar o repertorio: unha rosa rugosa antiga, con flores brancas que evocan unha gardenia cargada de pétalos e un aroma inigualable, esixiu dúas tentativas para enraizar —a Blanche Double de Coubert (Francia, 1892)—. E este verán, unha sorpresa inesperada: a Ghislaine de Feligonde (Francia, 1916), que brotou en racimos vibrantes.
O que fai especial esta iniciativa é o contacto directo coa veciñanza, que converte cada esqueixe nunha historia persoal. Para Estefanía, as rosas non son só flores: gardan memorias que ningún viveiro pode vender. “Isto non se pode comprar, e as historias son importantes. Unha señora de San Esteban de Negros ofréceme un esqueixe dun rosal que é como parte da súa familia, con fotos e recordos diante del”, explica, destacando o valor emocional destas plantas.
Para participar, o método é sinxelo: “Probei moitas técnicas, pero uso a miña propia, que non sempre funciona ao 100%, pero vai ben. A xente debe contactar comigo, coller unha ramiña que antes tivese flor —axuda a enraizar— e envorcala nun pano mollado para traela”, detalla a emprendedora.
Ao contrario do que moita xente pensa o outono favorece o enraizamento natural, o que acelera o proceso de cultivo. “Os expertos aseguran isto porque así damos tempo para que dea flor con máis enerxía na primavera”, engade.
Aqueles que desexen sumarse ou curiosear máis poden poñerse en contacto directamente no 604 073 853 ou seguir o avance do proxecto en Instagram baixo o usuario @lardoaquel .











