Soutomaior vén de adxudicar o proxecto de redacción do ecoparque empresarial á empresa Ótima dirixida polo arquitecto e ex xerente de Urbanismo en Vigo, Xavier Rivas. O obxectivo é transformar a Montesiña, área de transición entre Arcade e Soutomaior nunha zona urbanizada que poderá asumir máis de 50 empresas.
O Ecoparque Empresarial da Montesiña é un dos proxectos clave do goberno local que busca transformar o tecido económico do municipio. Esta iniciativa, unha das máis ambiciosas da localidade, busca fomentar o crecemento das empresas locais e atraer novos investimentos, consolidando Soutomaior como un referente para o emprendemento.
O ecoparque, ubicado na área de transición entre Arcade e Soutomaior, urbanizará os terreos da Montesiña e permitirá acoller máis de 50 empresas.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou a alta demanda existente xa que “dende o momento que se anunciou este polígono, o Goberno está recibindo ofertas de moitas empresas interesadas en querer ubicarse nestes terreos”.
O proxecto conta xa coa autorización ambiental da Xunta de Galicia e o concello aprobou no último pleno unha batería de beneficios fiscais para todas aquelas empresas que se asenten no concello con bonificacións no IBI, IAE e ICIO.









