A lendaria banda Nocheni regresa á Praza da Casa da Torre hoxe venres 8 de agosto ás 22:00 horas para ofrecer un concerto especial polo seu 30 aniversario, dentro da programación cultural de verán do Concello de Redondela. Cunha entrada libre e de balde, esta cita promete ser unha noite cargada de emoción e rock para os seguidores dunha formación que leva tres décadas marcando o panorama musical.
Dende a súa formación en 1995 por Otello, Santi, Laure, e coa posterior incorporación de Juanín e Dani, Nocheni comezou a súa andaina cun memorable debut no Pedramola de Vigo en 1996 e no mítico Rock Ondela. A banda evolucionou coa maqueta en casete A lo hecho, pecho, gravada tras a chegada de David, e con temas emblemáticos como “La masacre” ou “Ni contigo ni sin ti”, xa con Ponecho na guitarra e Julio tras a tráxica perda de Otello.
No 2000, coa entrada de Suso, Gerardo e Tito, gravaron o seu primeiro disco de estudo, Nocheni, en Élite. A incorporación de Deivid, Fran e Xoel, xunto con Dani Lemos ao baixo e Nacho tras a saída de Santi, consolidou a súa traxectoria con discos como Entre el cielo y el infierno (2005) e Príncipe de los payasos (2010).
Nocheni deixou a súa pegada compartindo escenario con grandes como Los Suaves, Testament, UDO, Barricada ou Barón Rojo, e levando o seu enérxico directo a cidades como Oporto, Madrid, León ou Albacete. Este venres, nun concerto que conmemora os seus 30 anos de historia, a banda promete un espectáculo vibrante e cheo de sentimento, repasando os seus grandes éxitos e celebrando a súa conexión co público.










