Ao longo desta semana a Deputación organiza visitas guiadas para dar a coñecer o valor e a importancia do xardín, ademais de poñer en marcha unha campaña en redes sociais sobre árbores con historia. O sábado 26 de abril terá lugar o acto central, cunha xornada de portas abertas para invitar á cidadanía a descubrir o Castelo e os seus xardíns
A Deputación de Pontevedra celebra o VI Día Europeo dos Xardíns Históricos cunha programación especial no Castelo de Soutomaior, coa que quere dar a coñecer os principais elementos que conforman o seu xardín, tanto de forma dixital como no propio recinto.
Dende o pasado sábado desenvólvese nas redes sociais da Deputación unha campaña baixo o lema da celebración “Unha Europa de Xardíns Unidos”, na que cada día se destacará unha árbore ou conxunto de árbores do xardín de Soutomaior. Ademais, publicaranse historias da vida salvaxe asociada ás arbores do Castelo.
A partir de hoxe luns, e durante todo a semana, os colexios que visiten o recinto do Castelo de Soutomaior da man dos guías coñecerán o valor e a importancia histórica, social e natural do xardíns. Durante o percorrido farase especial fincapé no recoñecemento que supón o Itinerario Europeo de Xardíns Históricos para fomentar o coñecemento o patrimonio arbóreo poñendo en valor a importancia da súa preservación. Os centros escolares interesados poden reservar as visitas a través do 886209500. Tamén nas visitas para público xeral, que se ofertan a diario, teñen unha duración aproximada de 90 minutos e mesturan arquitectura, historia e botánica, resaltarase a importancia e o significado da celebración. Neste caso, as entradas poden adquirirse na web do Castelo.
Por último, o vindeiro sábado 26 de abril, coincidindo co VI Día Europeo dos Xardíns Históricos, a Deputación abre as portas da fortaleza aos veciños e veciñas e visitantes para invitarlles a descubrir, de maneira amena, como o de Soutomaior pasou de ser un edificio bélico a un palacio cun magnífico xardín. Esta xornada de acceso libre, para a que non é necesaria reserva previa, busca poñer en valor a paisaxe histórica que forman a fortaleza e a súa contorna de maneira amena a través da súa musealización.
Ademais, neste día faráselle entrega ás familias que visiten o Castelo e o soliciten na billeteira do caderno do naturista “Os segredos dos Xardíns de Soutomaior”, que busca enriquecer a experiencia dos máis pequenos da casa achegándoos de maneira lúdica á finca que rodea a fortaleza. A actividade consta de varios retos, como un plano do xardín con pezas de quebracabezas para situar os diferentes elementos, xogos de relacionar descricións de partes do xardín coas súas fotografías, adiviñanzas, encrucillado, sopa de letras ou cuestións de verdadeiro ou falso.