Hoxe é Xoves 7 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela busca fondos europeos para o Centro Sociocultural de Chapela e o Museo Ángel Barros

chapela centro socicomunitario

Os proxectos presentados dentro do Plan de Acción integrado inclúen un novo Centro Sociocultural de Chapela, a reforma do Mercado Municipal e o Museo Etnográfico Ángel Barros así como diferentes obras de humanizacións e eficiencia enerxética. A alcaldesa asegura que o plan sairá adiante “malia que os grupos da oposición votaron en contra en dúas ocasións, prexudicando así os intereses dos veciños e veciñas de Redondela”. Estima que estas obras poderían ser unha realidade nun prazo de 2 a 4 anos.

Unha das apostas máis salientables deste plan é o novo centro Cívico Sociocultural en Chapela, un  edificio que se prevé crear no antigo colexio Igrexa. Trátase dun novo lugar de encontro e actividades para a veciñanza nunha parcela de 1.489 metros cadrados. O edificio terá dous andares, de 350 metros cadrados cada un. Contará con biblioteca e espazos multifuncionais para acoller diferentes actividades culturais, sociais e recreativas que promoverán a participación da cidadanía. O proxecto ascende a 1,6 millóns de euros.

Outra das actuación previstas busca acondicionar o Mercado de Redondela para a obtención do selo “Mercado Excelente”. Inclúe a renovación das estruturas deste edificio histórico, conservando as súas fachadas orixinais. O novo mercado contará cun nivel intermedio, optimizando o espazo, e adaptarase a distribución dos postos do mercado para permitir unha maior flexibilidade. Mellorarase o confort do edificio cunha nova cuberta de zinc natural e instalaranse sistemas de climatización, iluminación LED e melloras no illamento. O proxecto inclúe a transformación dixital do mercado, o que fará máis eficiente este espazo e permitirán o acceso a unha gama de servizos que favorecerán o seu funcionamento na era dixital. Esta reforma integral do mercado ascende a 2,6 millóns de euros.

O PAI inclúe tamén a rehabilitación das Antigas Vivendas dos Mestres, na avenida Mendiño, para a creación do anunciado Museo Etnográfico Ángel Barros con espazos de exposición, salas tipo aula, aseos e cuartos para almacén e instalacións. Exporase a obra do artista local que recibe o seu nome. Renovarase a fachada e cuberta do edificio cunha nova “pel” exterior moderna e funcional. Optimizarase a súa eficiencia enerxética con melloras en illamento, impermeabilización, cuberta, sistema de climatización e novas instalacións eléctricas e de iluminación. A actuación definiuse a partir das achegas recollidas no proceso de participación cidadá da Axenda Urbana.  A rehabilitación do edificio e a súa musealización ascenden a 1.167.000 euros.

O Plan de Actuación Integrado inclúe tamén outras obras, como a humanización do espazo público con actuacións no casco histórico como é o caso das rúas Prata, Telmo Bernárdez. Pai Sarmiento ou Rúa do Muro, entre outras. O obxectivo é eliminar barreiras arquitectónicas e habilitar espazos nas áreas que sexa posible para favorecer a convivencia entre os cidadáns. Estas transformacións urbanísticas buscan un deseño inclusivo e funcional que optimiza a calidade da contorna urbana, mellorando a experiencia tanto dos residentes como dos visitantes.

Rivas destaca “a madurez” dos proxectos seleccionados, que é un dos requisitos para poder optar aos fondos europeos. A alcaldesa está convencida de que os proxectos presentados “sairán adiante a pesar dos atrancos que nos poñen os grupos da oposición”.

Digna Rivas, alcaldesa Redondela

As propostas contan xa cos traballos técnicos avanzados para facilitar a licitación das obras. O Concello de Redondela presenta proxectos “realistas” e que son “moi necesarios” para facer realidade nun prazo de entre 2 e 4 anos. Os fondos FEDER financiarían un 60% do custe dos traballos, e o 40% restante o propio Concello.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará