A Anpa do centro educativo de Chapela apoiada pola Federación de Anpas urxen a que se arranxe esta cuberta cuxo deterioro agravouse a raíz dos temporais do pasado mes de novembro. De feito, hai tellas soltas que supoñen un risco ante a súa eventual caída. Reclaman tamén que se estude o material da cuberta xa que desconfían que as tellas están asentadas sobre unha placa de fibrocemento, material potencialmente perigoso por conter amianto.
O tellado sofre os prexuízos propios do paso do tempo, xa que logo de 40 anos precisa dun arranxo urxente para evitar humidades e mellorar o seu illamento. Con todo, a situación empeorou a partir dos temporais de novembro, xa que os fortes refachos de vento desprazaron algunhas das tellas que ameazan con precipitarse ao chan. Unha situación da que alertan as Anpas que temen que se produza algún incidente e instan á Consellería de Educación a actuar para mellorar o estado desta cuberta.
Entenden que a actuación debería ir máis aló de reparar as tellas soltas xa que a propia cuberta –sobre a que están asentadas as tellas- parece que está realizada con fibrocemento que contén amianto. Lembran que dende a Xunta hai un compromiso de retirar este material daqueles centro escolares, como o de Cedeira ou o Predo Floriani, onde se apreciaba a existencia de fibrocemento. No caso de Laredo, esta plancha está cuberta pero naqueles lugares nos que as tellas se moveron pódese intuír que o que hai debaixo son as tradicionais láminas de uralita.
Están pendente tamén dunha xuntanza con representantes do Concello quen xa anunciaron que trasladaron un informe técnico á Consellería de Educación no que reclaman actuacións urxentes para garantir a seguridade no centro escolar como a colocación dun valado perimetral que impida o acceso á zona en risco e a instalación dunha rede de protección para evitar a caída de materiais así como a elaboración dun proxecto integral para a reforma completa da cuberta.
