O Multiusos dá Xunqueira de Redondela acollerá, este sábado 14 de decembro, a primeira cita da programación cultural de Nadal e que se atopa dentro da iniciativa de “Humor na súa tinta” do Concello de Redondela. A partir das 20.00 horas, a cantante, actriz e dramaturga de orixe arxentina Celeste Serine subirá ao escenario para presentar o seu monólogo ‘O tango de Marilyn’.
Este espectáculo, que combina tango, humor e paixón, relata a historia dunha moza que comparte co público divertidas anécdotas e grandes éxitos do tango, os cales a levaron a emprender unha rocambolesca viaxe desde Buenos Aires ata Las Vegas, onde se transforma en Marilyn, a gran Diva de Hollywood. O tango, cunha carga emocional intensa e cheo de paixón, mestúrase aquí co humor para ofrecer unha experiencia única que nos invita a gozar da vida ao máximo. Esta é a mensaxe final da obra: “A vida é moi curta e hai que vivila dende o amor propio”, afirma Celeste.
Celeste Serine mestura a súa propia vivencia e traballo ao longo dos últimos anos na música e volve as súas raíces a través do tango. “Levo cantando desde os 10 anos e esta é unha volta ás miñas raíces”, sinala a cantante quen tamén traballou con artistas de altura como Pimpinela, Franco de Vita, Cacho Castaña, Valeria Lynch e Raúl Lavié.
En novembro de 2020, en plena pandemia, chegou a España para reinventarse e afrontar novos retos, un camiño que a levou a actuar en destacados teatros como o Teatro Colón, o Gran Rex, o Luna Park, o Opera, o Orfeo Superdomo, o CCK, o Miami Dade County Auditorium, o Teatro Solís, o Parque Landia, a Praza de Touros, o Direct TV Arena en Chile, o Monticello e o EDP Gran Vía; tamén foi finalista de Got Talent Madrid e gañadora do concurso Cantemos Arxentina, do 3º Congreso Internacional de Musicais e Operas Rock. Toda esta experiencia reflíctese na súa obra O tango de Marilyn, onde ademais das influencias do seu país de orixe podemos ver as do seu traballo en España. Unha actuación que destaca pola súa intensidade emocional e creatividade, recibindo eloxios tanto do público como da crítica. “En plena pandemia, voar a España foi un acto de valentía, pero tamén unha experiencia enriquecedora que me brindou a oportunidade de traballar no Musical dos 80 e 90 co que percorrín moitos teatros”, engade Celeste.
Para os que aínda non tiveron a oportunidade de ver un espectáculo de tango, Celeste anima a todos a asistir ao seu monólogo. “Trato de achegar o tango á xente de forma entretida e accesible, porque se reinveta e chega a novos públicos”, afirmou. É unha experiencia emocionalmente rica que trae ao presente para conectar co público e ofrecer toda a súa enerxía.
Celeste Serine estará en directo en Redondela este sábado 14 de decembro no Multiusos da Xunqueira ás 20.00 horas.

