Obdulio Iglesias e Conchi Roig son as dúas persoas que dentro do servizo da Policía Local están especializadas na atención ás vítimas de violencia machista nun servizo creado especificamente en Redondela, a UPROM (Unidade de Protección da Muller) enmarcado dentro do sistema VioXen (Sistema de Seguimento Integral de Casos de Violencia de Xénero). A día de hoxe son 18 os casos activos en Redondela. Mulleres que reciben unha protección determinada dependendo do nivel de risco que se lle ten asignado. 13 delas teñen ademais medidas xudiciais impostas.
Entre as labores dos axentes adscritos a esta unidade da Policía Local de Redondela está a atención ás mulleres, a quen se lles informa de todos os servizos ao seu alcance e se lles asigna a atención dun axente custodio que vai ser quen faga o seu seguimento. Tamén a elaboración dun plan de seguridade personalizado para cada unha das mulleres, un seguimento dos casos activos así como a avaliación dos riscos que corren as vítimas. En base a cada nivel de risco hai un procedemento de actuación que logo se adapta a cada caso concreto.
Outra das súas misións é a comprobación do domicilio e identificación do presunto agresor. Iglesias puntualiza que en moitas ocasións o seu traballo é directamente ter controlado ao agresor “porque iso nos asegura ten protexida á muller”.
O abano de caso que están atendendo cumpren a premisa de que a violencia de xénero non entende nin de idade, nin de condición social ou situación económica.
Mulleres que prefiren identificar como “protexidas” máis que como vítimas e que reciben unha atención e un seguimento marcado en gran medida pola situación de risco na que se atopan de acordo cun baremo que ten en conta multitude de condicionantes.
Unha atención que insisten “está moi apoiada por parte doutros servizos implicados directamente” como poida ser a técnica de igualdade, a psicóloga e a asesora xurídica do CIM, as traballadoras de servizos sociais e a propia responsable política do departamento, Iria Vilaboa. Tamén agradecen a colaboración directa da xuíza de Redondela adscrita a violencia de xénero así como o resto de compañeiros da Policía Local que en moitas ocasións son os primeiros en actuar ante un caso de violencia machista “sen o seu apoio e a súa implicación o noso traballo sería moito máis complicado”.
Cochi Roig anima a calquera posible vítima ou a quen coñeza algunha muller que estea pasando por esa situación a poñerse en contacto con este servizo “que lles dará todo o seu apoio de xeito profesional e que está especializado na atención ás vítimas e ao seu seguimento”.