Axentes da Policía Local e Nacional participaron na madrugada do sábado nun operativo contra o tráfico de drogas que se saldou coa detención de dúas persoas e a incautación de máis de 20 doses de cocaína listas para a súa venda no interior dun local de ocio da rúa Prata. Tralo operativo procedeuse a clausurar o local de forma preventiva.
Os feitos tiveron lugar na noite de venres para sábado nun coñecido pub da rúa Prata. Os axentes, coñecedores da venta de drogas neste establecemento, puxeron en marcha un operativo conxunto entre Policía Local e nacional enmarcado dentro do plan de ocio nocturno. Unha vez dentro do local descubriron as doses de droga así como 2000 euros procedentes supostamente do tráfico de cocaína e procederon á detención do responsable do local e dunha camareira por un presunto delito contra a seguridade pública.
Dende a Policía Local informan ademais da apertura de 11 actas para a Subdelegación do Goberno pola posesión de sustancias estupefacientes na vía pública.