Hoxe é Venres 4 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O pleno aproba, con polémica, o cambio de nome da Rúa Alfonso XII

pleno rúa

Os votos a favor de PSOE, BNG e AER permitiron sacar adiante unha moción que contou co voto en contra dos Populares e que supón retirar do rueiro de Redondela a Alfonso XII. Queda no aire coñecer cal será o futuro nome desta rúa, xa que o goberno local abrirá unha enquisa popular para determinar este aspecto, propoñendo á cidadanía que elixa entre diferentes alternativas entre as que se contemplaría o nome de Rúa da Fraternidade.

Unha proposta que chegaba ao pleno con polémica logo de que os residentes na rúa reunirán 1.025 sinaturas en contra do cambio de nome insistindo en que se trata dun nome xa histórico e que foi aprobado en sesión ordinario en 1875 “hai practicamente 150 anos” e que este cambio provocará prexuízos burocráticos os que residen na zona. Pola súa banda, os vinte colectivos que demandaban o cambio de denominación entenden que o bautismo desta rúa como Alfonso XII respondeu a unha campaña de lexitimación da monarquía e que non hai razón que xustifique este nome nunha das rúa centrais da vila defendendo o seu cambio por Rúa da Fraternidade. Tamén se aprobou retirar o busto do monarca instalado na entrada da Casa Consistorial

A sesión arrancou con intervención veciñal. Por unha banda Quino Vilas puxo voz aos promotores do cambio, mentres que José Martínez Crespo foi o encargado de dar voz aos veciños que rexeitan esta modificación.

Vilas explicaba que “malia entender o apego emocional de moita xente con ese nome, é preciso estar ao compás dos tempos e buscar nomes amables, cargados de valores como pode ser Rúa da Fraternidade que é un xeito de dar a benvida a todas as persoas que chegan a Redondela” e insistía en que “Alfonso XII nada fixo por Redondela e, por tanto, nada lle debemos”.

Quino Vilas, portavoz colectivos promotores do cambio

Pola súa banda Martínez Crespo salientaba que o nome foi posto en sesión ordinaria en 1875 por unha corporación demócrata e lexítima e que conta xa con 150 anos de historia.

Martínez Crespo, defensor da permanecia do nome Alfonso XII

Insistiu tamén en que non hai razón que xustifiquen o cambio de nomenclatura e argumentou a súa permanencia polo arraigamento que ten na vila entre persoas de todo tipo, independentemente da súa ideoloxía. Criticou a moción por considerala “un acto superfluo e caprichoso que só leva a enfrontamentos entre a veciñanza, entre os que están a favor e os que queremos que se manteña o nome pola súa antigüidade e vinculación con Redondela” con ataques que teñen pouco de fraternidade. Salientou ademais os trastornos administrativos que esta modificación conlevará aos que residen na mesma.

O PSOE defendía a moción por entender que non hai argumento algún para manter o nome de Alfonso XII “quen nada fixo polo noso concello”. En todo caso, a concelleira Iria Vilaboa apuntaba a necesidade de que a proposta sobre o seu futuro nome conte cun maior apoio social polo que se abrirá unha consulta popular a través da páxina web do Concello propoñendo, entre outras, a denominación de Rúa da Fraternidade.

Iria Vilaboa, PSOE

Dende AER defendían a moción, entre outras cuestións, por tratarse dunha proposta que chega dende a veciñanza. Aproveitaba Roberto Villar para criticar a “politización da mesma por parte do PP que decidiu abandeirar a recollida de sinaturas en contra dun cambio que vai traer cola”.

Roberto Villar, AER

O BNG apostou tamén por retirar “un nome que recoñece a un Borbón”. Con todo, o seu voceiro, Xoán Carlos González, lamentou a oportunidade perdida de substituír ese nome por outro que sexa un recoñecemento a movementos cidadás como foron as Madriñas de Redondela. Cuestionou tamén a proposta do PSOE por apostar por unha enquisa entre a cidadanía a este respecto na vez de quedarse coa proposta da moción “que ven abalada xa por numerosos colectivos”.

Xoán Carlos González, BNG

“Unha absoluta irresponsabilidade”, así cualificou o PP esta moción que para o edil Iván Crespo  busca “alterar un nome de histórico arraigo no concello e sen facelo ademais sen consultar aos propios veciños da rúa que se van ver afectados por este cambio”. Malia que solicitaban que se retirara da orde do día, a moción foi votada e saíu adiante ao contar co voto a favor de PSOE, AER e BNG.

Iván Crespo, PP

Unha rúa que, polo de agora, seguirá con este nome ata que non se celebre a enquisa popular anunciada polo goberno para elixir como pasará a chamarse este tramo entre a praza de Ribadavia ata a praza da Constitución.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará