Hoxe é Domingo 5 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Unha semaniña enteira” falando galego co gallo do Día de Rosalía

IMG20240220180430

A Alameda Rosalía de Castro de Chapela acolleu na tarde de onte a presentación dos actos vencellados á celebración do Día de Rosalía. O goberno local decidiu arroupar unha iniciativa lanzada dende os institutos titulada “Unha semaniña enteira” falando galego. Un reto ao que se suman os funcionarios do Concello e que inclúe iniciativas, do 26 de febreiro ao 3 de marzo, nas Prazas de Abastos e nos clubs deportivos.

O  Concello de Redondela  ten a intención de  “amosar o seu compromiso con esta muller universal” de forma transversal implicando distintas institucións e sectores do municipio. O técnico do Servizo de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez, explicou que para todo isto “elaboráronse unhas chapas co rostro de Rosalía entre os participantes do reto co lema da campaña”.

Xurxo Martínez

O responsable de Dinamización Lingüística do IES Chapela, Aldán Satamarina, sinala que a idea naceu “da necesidade de fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas”, xa que no instituto constatan que uso da lingua do país cada ano é menor”. Por iso considera importante que participen, ademais do sector do ensino, os clubs deportivos, o cadro de persoal municipal, a hostalaría, comercios e as prazas de abastos.

Aldán Santamarina

Aldán é consciente de que o “principal premio de falar galego é re-atoparse con si mesmos e coa súa identidade”, pero adiantaba que “o Concello e os institutos organizan un concerto sorpresa para ao alumnado que participe na iniciativa como motivación  e aliciente ”.

Aldán Santamarina

A iniciativa das  Prazas de Abastos, tanto de Chapela como de Redondela, estará en marcha toda esa semana. Consiste nun sorteo dunhas bolsas de tea, cun deseño especial vencellado a Rosalía de Castro, entre aquelas persoas que presenten o día 23 un xustificante de compra destes mercados. O acto de entrega das bolsas (até esgota existencias) farase na Praza de Abastos de Chapela entre as 10 e as 11, e na Praza de Abastos de Redondela, entre as 12 e 13h. Ademais esa xornada do 23, día de Rosalía, o obradoiro de Hostalaría do Concello de Redondela repartirá  de balde o chamado Caldo de Gloria. A representante da asociación de empresarios, Xulia Alonso, explicaba a importancia deste caldo  feito a partir dunha receita dun poema de Rosalía e que a Fundación Rosalía de Castro leva promovendo dende hai anos.

Xulia Alonso

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueiras, eloxiou a iniciativa que implica “a toda a sociedade, a un pobo enteiro, e que o fai na data de Rosalía, unha figura que nos une e nos representa a todos como galegos”.  Lembrou tamén que o Concello de Redondela ten o seu nome escrito “en letras de ouro” na historia da dignificación da lingua galega, e que segue hoxe “nese mesmo camiño”. Con isto referíase ao momento no que Redondela constituíu o Servizo de Normalización Lingüística no ano 1982, un ano antes de que o Parlamento galego aprobase a Lei de normalización. Por este motivo, o municipio situouse como un referente para toda Galicia. A lingua galega converteuse nun motivo de especial orgullo para a cidadanía redondelá.

Anxo Angueiras

A alcaldesa Digna Rivas, que pechou o acto, agradeceu a participación de todos os colectivos que se sumaron a este proxecto para promover a lingua e homenaxear a Rosalía de Castro, “unha muller universal e feminista á que teño como referente”. No acto participaron tamén Noemí Moreira, directora do CEIP Alexandre Bóveda, Julia Alonso, como representante da Asociación de Empresarios, Manuel Conde, presidente do club Casa Paco, e Patricia Vilán en representación do cadro de persoal do Concello de Redondela.

Para rematar o acto Rivas e Angueira plantaron na Alameda de Chapela un camelio do xardín da Casa Rosalía cedido pola Fundación. A agrupación Semente Nova foi a encargada de pechalo co himno de Galicia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará