Hoxe é Domingo 5 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Pleno de Redondela da luz verde á aprobación inicial do PXOM

pxom aprobación

O novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dá un paso máis de cara a súa validación definitiva. O pleno do concello aprobou de forma inicial o documento cos votos a favor de PSOE, AER e PP e a abstención do BNG.  Unha vez publicado no DOG, a veciñanza contará cun período de tres meses de exposición pública durante os cales poderá presentar as alegacións que consideren oportunas. Durante ese periodo o equipo redactor atenderá a quen precise de asesoramento e indicacións no antigo conservatorio en horario de mañá.

Un documento cuxa elaboración arrancou no ano 2015 e que durante o seu proceso de redacción sufriu diferentes atrancos que provocaron o seu atraso. En todo caso, a súa aprobación inicial supón dar un novo paso de cara a superar as normas urbanísticas do ano 1987 que son as que rexen o planeamento urbanístico en Redondela.

Todos os partidos con presenza na corporación municipal salientaron a necesidade de contar cun PXOM moderno e adaptado ao século XXI e que será beneficioso para toda a cidadanía. Neste sentido o edil de urbanismo, Antonio Cabaleiro pedía o apoio do resto dos grupos para a súa aprobación “de forma unánime”. Desmenuzaba algún dos obxectivos do plan que se centran en tres grandes bloques: no ámbito territorial favorecer a comunicación;  en relación ao tecido residencial búscase optimizar as áreas vacantes dos núcleos urbanos de Chapela e Redondela para a creación de vivenda (contémplase de feito a creación dunhas 5.500 novas vivendas, principalmente nos dous cascos urbanos) e, no referente as actividades económicas buscarase a potenciación de pequenos espazos produtivos e a creación de microáreas de centralidade económica.

Antonio Cabaleiro, Concelleiro de urbanismo

O edil salientaba o compromiso do goberno local coa veciñanza xa que “unha vez publicado no DOG contarán con tres meses para presentar as súas alegacións. Durante ese periodo o equipo redactor atenderá a quen o precise no edifico do antigo Conservatorio de luns a venres en horario de mañá de 8:30 a 14:30 horas. Haberá tamén un visor web (ao que se poderá acceder entrando na páxima web do concello) que permitirá de xeito intuitivo buscar as propiedades para coñecer en que situación quedan. A maiores anunciou que se visitarán as parroquias en horario de tarde para informar  do plan “unha información nese caso máis xeral, sobre viais novos, zonas verdes… intereses que afecten ao conxunto da parroquia”.

Participación veciñal

Un documento que AER cualificou de “folla de ruta para o futuro urbanístico e ambiental de Redondela”. Explicaba o edil Roberto Villar que no mesmo recóllense moitas das demandas da veciñanza no referente a viais para favorecer a comunicación nas parroquias ou outras demandas. Con todo, apuntaba que “non vai deixar contento a todo o mundo xa que haberá propiedades que cambien de denominación e pasen a ser urbanizables cando non o eran ou a inversa”.

Roberto Villar, AER

Tamén atopou o goberno o apoio do PP porque, segundo explicaba Javier Bas “o PXOM será clave para poder avanzar e deixar atrás unhas normas subsidiarias do ano 87″. Permitirá aos redondeláns contar cun documento do século XXI onde se lle dea seguridade xurídica a veciños e veciñas e non haxa dúbidas en canto aos dereitos e as obrigas que teñen que cumprir, “que saiban onde poden contruir e onde non”, atendendo ademais ao “necesario respeto medioambiental e patrimonial que merece o noso territorio”.

Javier Bas, PP

Unha unanimidade que o grupo de goberno non logrou ao absterse os tres concelleiros do BNG, quen anunciaron ademais que presentarán alegacións a este PXOM. Malia insistir na necesidade de contar cun documento que “deseñe o que vai ser a Redondela no futuro de cara aos vindeiros 15 ou vinte anos” lamentaba o nacionalista Xoán Carlos González que o plan presente unha serie de cuestións que “van en detrimento do crecemento de Redondela” como o feito de que desaparecen as pequenas áreas industriais “co cal corremos o risco da deslocalización dos veciños e veciñas”.

Solicitan a desaparición do coñecido como “scalextric” e que se cren máis puntos de encontro e zonas verdes máis alá dos espazos que por lei teñen que cederse cando se contrúe un edificio. Consideran tamén no BNG que hai un desequilibrio claro entre a tendencia á baixa no número de habitantes e o número de vivendas que se prevé construír.

Xoán Carlos González, BNG

Unha abstención do BNG que non impediu que esta aprobación inicial saíse adiante cun amplo apoio nunha xornada que a alcaldesa, Digna Rivas, cualificou como “un día histórico para a veciñanza de Redondela”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará