Hoxe é Venres 3 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela levará o PXOM a pleno o 21 de febreiro

concello redondela pxom

O goberno local amplía a tres meses o prazo de alegacións – que se abrirá ao día seguinte da súa publicación no Diarío Ofical de Galicia (DOG)- e facilitará á veciñanza un servizo técnico de información e asesoramento todos os días da semana nas instalación municipais durante ese período. Faranse reunións informativas en todas as parroquias para resolver as dúbidas da veciñanza.

O Concello de Redondela levará o Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa aprobación inicial ao pleno do próximo mércores, 21 de febreiro. A alcaldesa Digna Rivas confía en “contar co apoio de todos os partidos que participaron na súa elaboración” para poder sacalo adiante.

Unha vez aprobado de forma inicial o goberno anuncia que facilitará á cidadanía todos os medios dispoñibles para que a cidadanía coñeza o plan e poida facer as súas alegacións. Neste sentido e malia que o prazo que establece a normativa é de dous meses, acordaron ampliar o prazo de alegación ata os tres meses “para favorecer que toda a veciñanza teña tempo de estudar o documento, saber como lle vai afectar e poida facer as alegacións que estime oportunas”.

Durante este período de alegacións a cidadanía terá tamén á súa disposición aos técnicos nas dependencias municipais para explicarlles todo o relativo ao planeamento urbanístico e asesoralos. Este servizo estará dispoñible todos os días de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas. Para facilitar o acceso da veciñanza a toda esta información o Concello contratou tamén o servizo dun visor dixital ao que poderán acceder na páxina web do Concello, tanto desde as súas casas como acudindo á oficina de información do PXOM. Dun xeito cómodo os veciños e veciñas poderán buscar a través deste visor as súas parcelas “cun funcionamento moi sinxelo e intuitivo”, apunta o concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro. 

Unha vez se aprobe no pleno faranse reunións informativas en todas as parroquias co equipo técnico redactor do plan “para resolver dúbidas e atender as inquedanzas da veciñanza”. As alegacións poderán facerse a partir do día seguinte á publicación do anuncio de exposición no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Rivas afirma que desde que chegou á Alcaldía era consciente de que a tramitación do Plan Xeral debía ser a súa prioridade, “e traballouse coa empresa redactora, funcionarios e técnicos do Concello e o resto de grupos políticos para retomar os traballos e conseguir que o documento fose unha realidade”. Insiste en que se trata dunha decisión “responsable, baseada no traballo realizado polo equipo técnico redactor do Plan durante meses e necesaria pola situación na que se atopa a normativa urbanística do noso municipio, cunhas normas subsidiarias aprobadas en 1987 e totalmente desfasadas” afirma Digna Rivas. A redacción do plan contratouse en 2015 á UTE formada por Jornet Llop Pastor, María Ríos Carballeira e Gabriel Jubete i Andreu.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará