Hoxe é Sábado 11 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela florece cos Maios

maios artísticos

O bo tempo vivido na xornada de onte animou a centos de veciños e veciñas a achegarse á Alameda de Redondela para gozar dos numerosos Maios que este ano participaron dunha das festas máis tradicionais do noso concello. Unha das figuras máis chamativas foi “A lenda da Coca” da Asociación Arela de Saxamonde na que se representaba un mariñeiro atravesando ao monstro coa súa espada e que se fixo merecedor do primeiro premio en Maio Artístico. O segundo premio nesta categoría levouno “Esta noite Muiñada” da Anpa do CEIP de Cedeira e o terceiro “Os Miudos de Sanmar” da Asociación A Miñoteira (Ventosela).

Un total de 29 Maios participaron na edición celebrada onte e que volveu converter a Alameda de Castelao nunha auténtica celebración da primavera. Unha xornada que arrancaba a primeira hora cando xa se comezaban a ver os primeiros maios e os nenos e nenas repartindo as súas coplas cargadas de retranca, con moitas referencias aos próximos comicios municipais de maio pero tamén a outros temas de actualidade.

Unha retranca que lle deu o primeiro premio nesta categoría ao maio “Case non chegamos”, o segundo para “Maio que Cristo” de Asociación Cultural de Quintela e o terceiro para o Maios “As Floreciñas”. En canto aos premios por interpretación, quedaron en primeiro lugar o “Carballo 2023” da Asociación O Carballo das Cen Polas, seguido do Maio Ramallada e, en terceiro lugar, o “Maio Camiñando vou” da Asociación Cultural e Recreativa de Quintela.

E premios tamén para os espectaculares conos, algúns deles de gran tamaño como o presentado pola Asociación de Mulleres Rurais “Ai que cono” que foi merecedor do primeiro premio seguido do “O cono de Quintela” da Asociación Cultural e Recreativa de Quintela. En terceiro lugar na categoría de maio tradicional clasificouse o Maio “Case non Chegamos”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción “polo interese e participación deste ano que decaera en anos anteriores e que volve con moita forza. A Festa dos Maios permite que a veciñanza de Redondela goce na rúa dun momento social moi importante para o municipio. Con case unha trintena de agrupacións demostramos que Redondela é un referente en tradicións, patrimonio e cultura popular”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará