Hoxe é Martes 16 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Ernestina Otero e María Vinyals protagonistas dos relatos sonoros “Aquí faltan páxinas”

otero vinyals

A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha colección de podcast e faladoiros ao longo deste 2023 que buscan dar a coñecer as biografías de diferentes mulleres da provincia. Entre as protagonistas atopamos a María Vinyals en Soutomaior e Ernestina otero en Redondela. Esta última será a protagonista do mes de agosto e ademais do podcast que se colgará na web da Deputación haberá unha conferencia a cargo de Manuel Puga.

 “Aquí faltan páxinas”, o proxecto desenvolvido pola Deputación e O Cable Inglés para rescatar a parte silenciada da historia de doce mulleres galegas extraordinarias. O primeiro podcast publicarase este martes na web provincial e está dedicado a María Soliña. As sete da tarde no salón de plenos do Concello de Cangas, a experta Guillermina Domínguez conducirá un faladoiro sobre a súa historia. Neste primeiro podcast cóntase a historia de María Soliña, vítima en Cangas da cruel tortura da Inquisición, como miles de mulleres en Europa que foron obxectivo da caza de bruxas que a Igrexa e as oligarquías emprenderon para controlar ás mulleres con poder.

Despois de María Soliña, no mes de febreiro a protagonista de “Aquí faltan páxinas” será a pioneira da aviación española, a “muller paxaro” Elisa Patiño, (1890-1919), da que falará Milagros Bará en Sanxenxo. Marzo rescatará a historia da primeira galega en licenciarse en medicina, Olimpia Valencia (1898-1987), coa conversa de Ana Fuentes na sede da Deputación de Vigo e abril será a quenda da artista Maruja Mallo (1902-1995), coa intervención de Loli Docampo en Bueu. En maio falarase da humanista e activista Concepción Arenal (1820-1893), de quen falará Anna Caballé na cárcere da Lama; mentres que en xuño o podcast estará dedicado a Antonina Sanjurjo, xogadora de hockey (1910-1939), coa charla protagonizada por Cristina López Villar na sede da Deputación en Vigo. Por outra banda, en xullo rescatarase a figura da escritora e feminista María Vinyals (1875-década 40), de quen versará o faladoiro de Isabel Blanco no Castelo de Soutomaior.

A comprometida mestra Ernestina Otero (1890-1956) será protagonista en agosto e dela falará Manuel Puga en Redondela mentres que en setembro tocaralle á oceanógrafa e pioneira da investigación mariña Ángeles Alvariño (1916-2005), cuxa traxectoria enxalzará Ángeles Leira na sede de Vigo. Na recta final do ano, a primeira muller almirante, Isabel Barreto, (1567-1612) protagonizará o podcast de outubro e dela versará o faladoiro de Eloísa Gómez no Pazo Provincial en Pontevedra; mentres que novembro estará dedicado a Carolina Otero (1868-1965), a icona da Belle Époque, coa intervención de Carmen Posadas en Valga. Por último, o programa pecharase en decembro coa compositora e música Sofía Novoa (1902-1987) e a charla de Carmen Losada na sede de Vigo

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará