Hoxe é Martes 8 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O grupo ‘Axentes do Cambio’ participa no deseño de espazos para a mocidade

Reunion Axentes do Cambio3

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, reuníronse cos mozos e mozas que forman parte do Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela ‘Axentes do Cambio. A alcaldesa redondelá quixo coñecer, de primeira man, a opinión da mocidade sobre distintos proxectos que o goberno local vai poñer en marcha. Nese sentido, Digna Rivas subliñou a importancia deste órgano de representación da mocidade “como interlocutor á hora de valorar todos aqueles proxectos deste Goberno que afecten a mozos e mozas”.

Entre os proxectos que se consultaron co grupo destacan a remodelación do Campito e o deseño da pista de skate a carón da Senda Verde, ámbalas dúas actuacións en Chapela. Tamén se tratou cos ‘Axentes do Cambio’ a remodelación duns terreos municipais próximos á Igrexa de Cesantes, co fin de destinalos a espazo de ocio para a xuventude. A alcaldesa valorou “o compromiso e traballo” que está realizando este colectivo “á hora de estudar os proxectos e de presentar achegas que os melloren”.

O Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela púxose en marcha a comezos de 2021. Nos seus encontros debaten e fan propostas arredor de temas de interese para a infancia e a mocidade, como o cambio climático, o coidado dos animais, a prevención do acoso ou o coidado da saúde mental. O seu obxectivo é traballar a prol da infancia e adolescencia redondelá, e adoptar un papel proactivo de cara a facer propostas á Corporación e como órgano para a rendición de contas. Na rede social Instagram teñen perfil, co nome @axentesdocambio: https://www.instagram.com/axentesdocambio/

O grupo está aberto á incorporación de calquera rapaz ou rapaza de entre 8 e 18 anos que resida en Redondela. Para calquera información poden contactar no correo electrónico participacioninfantileadolescente@redondela.gal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará