A Agrupación de Electores de Redondela presentará no Consello da Muller do Concello redondelán un plan de accións para conmemorar o 8 de marzo que ten por obxectivo impulsar a igualdade e visibilizar o traballo feminino. Entre as actividades, destaca unha exposición colectiva baixo o título “Redondela rexeita a desigualdade” na que se implicaría á cidadanía na creación de diferentes mensaxes feministas.
A agrupación defende na súa proposta outras actividades coa fin de chegar a toda a poboación adaptando a mensaxe segundo a idade do público. Propón para adolescentes -centrado sobre todo nos centros educativos e, especialmente, nos IES- a edición de vídeos curtos para sensibilizar sobre a desigualdade da muller, afondando na educación emocional ou sexual e a non discriminación. Tamén nos centros, AER propón charlas e ciclos de conferencias nas que se traballe o pensamento crítico para previr situacións de desigualdade a causa do xénero así como un concurso de graffitis cunha mensaxe feminista para proxectar en espazos públicos.
Para os máis pequenos e pequenas, a proposta inclúe contacontos con base feminista que formen parte dun programa na biblioteca municipal.
E dirixido para toda a poboación, a agrupación defende na súa proposta charlas nos centros culturais das parroquias, nos auditorios da Xunqueira e do Piñeiral do Crego (Chapela) e rutas polo municipio para que os veciños e veciñas coñezan a vida de redondelás ilustres ou que destacasen pola súa defensa da igualdade.
Tamén a posta en marcha de mostras en diferentes espazos de Redondela co fin de previr situación de desigualdade en todos os ámbitos da vida (ocio, deporte, traballo). Asemade, estudar a posibilidade de repetir unha acción similar á de Redondela en pie por el planeta posta e marcha conxuntamente polo colectivo Artelixo e o Concello de Redondela en 2020, esta vez, coa temática da muller de fondo.
Outras accións propostas por AER son encher as redes sociais de imaxes que poñan en valor o traballo das mulleres, un concurso de graffitis feministas, unha enquisa para medir a opinión da veciñanza sobre medidas para erradicar a desigualdade, ou unha mención especial á violencia contra as mulleres nos conflitos bélicos, facendo especial fincapé na situación en Afganistán.
A agrupación tamén plantexa unha colaboración con Radio Redondela durante o mes de marzo para a sensibilización e concienciación: emisión de entrevistas a mulleres de todas as idades, a profesionais, os centros educativos, etc. ou música sobre a temática da muller.