Hoxe é Domingo 6 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela incrementa o seu peso como foco de atracción turística

turismo redondela

Os números sinalan que entre os meses de maio a outubro un total de 3.349 persoas demandaron información turística do municipio fronte aos 1.003 que o fixeran ao longo de todo o ano 2020, o que supón triplicar en tan só seis meses o número de persoas que se achegaron a este servizo durante o ano anterior. O 80% das visitas contabilizadas corresponderon a peregrinos que se dirixían cara a Santiago.

Redondela recupera, pouco a pouco, a importancia que en materia turística corresponde ao cuarto concello da provincia de Pontevedra, segundo se desprende dos datos aportados pola Concellería de Turismo que xestiona María Castro. As cifras destacan que a Oficina de Turismo atendeu, no período comprendido entre abril e outubro de 2021, a un total de 3.349 persoas, fronte ás 1.003 que solicitaron información ao longo de todo o ano 2020.

No que ao número de persoas peregrinas fai referencia –en Redondela conflúen o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa– o incremento supera o 22 % con 2.602 visitas das que 1.936 foron de persoas procedentes doutras comunidades autónomas do Estado e 666 estranxeiros. En canto á procedencia, un 23,1 % (448) procedían de Andalucía (448), un 22,3 % % de Madrid (431), seguidas pola Comunidade Valenciá (260), Galicia (164) e Cataluña (146). Polo que á peregrinaxe estranxeira fai referencia, un 38,1 % (254) eran de nacionalidade portuguesa, seguidos por Alemania (92), Italia (92), Francia (30) e EEUU (19).

En canto a visitantes e turistas non peregrinos, 469 persoas pasaron pola oficina de turismo entre abril e outubro fronte ás 237 que o fixeron ao longo de todo o ano 2020. Por procedencia deste turismo interior, as persoas chegadas de Madrid foron as que máis información solicitaron seguidas polas que viñan doutros puntos de Galicia, Andalucía, Cataluña e Castela e León.

Doutra banda e no que respecta ao turismo estranxeiro, as persoas chegadas de Portugal, Alemaña e Francia foron as que máis información solicitaron na Oficina de Turismo de Redondela. Cómpre salientar un importante crecemento tamén do turismo local, persoas de Redondela que se achegaron ás dependencias de turismo que subiron ata as 378 fronte ás 182 do 2020.

A estes datos “esperanzadores logo dunha época de pandemia na que o sector turístico foi, xunto co comercio e a hostalaría, un dos máis afectados”, afirma a concelleira, engádese o feito da ocupación hostaleira que roldou en Redondela o 100 %. En todo caso, os datos, subliña o Goberno local, fan referencia tan só ás persoas que pasaron pola Oficina de Turismo que “sempre supoñen unha baixa porcentaxe respecto á totalidade de persoas, peregrinas ou turistas, que visitaron Redondela”

O feito que en Redondela conflúan o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa –este último cun crecemento exponencial dende a súa oficialización– e que o 2021 sexa Ano Santo Compostelá, contribuíron á dinamización turística do municipio.

Nese sentido, tanto a concelleira María Castro, como a alcaldesa Digna Rivas, destacan a importancia de “reforzar a oferta turística do municipio –tanto histórica como patrimonial, cultural e paisaxística– para aproveita o fluxo de persoas peregrinas que, logo, se converten nos nosos mellores embaixadores de volta aos seus fogares”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará