Hoxe é Domingo 8 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O antigo conservatorio rehabilitarase para acoller a Oficina de Turismo e actividades culturais

RR_Noticias

O Concello de Redondela rehabilitará as antigas dependencias do conservatorio de música, na rúa Isidoro Queimaliños, dentro dun plan global de recuperación do patrimonio histórico do municipio. A obra, que contará cun orzamento de preto dos 300.000 euros, inclúese nas liñas establecidas para a rehabilitación e mellora do patrimonio histórico e cultural e a creación de novos eventos culturais.

Unha vez rematados os traballos, o inmoble acollerá no primeiro andar as Oficinas de Turismo, adaptadas a todas as normativas de accesibilidade. Na planta baixa habilitarase un espazo de usos múltiples para desenvolver actividades e eventos culturais. Tamén quedarán situadas neste edificio os servizos de Cultura e Normalización Lingüística. As obras van supoñer “a rehabilitación integral do exterior do inmoble incluíndo fachadas, cuberta e carpintería exterior”. No seu interior, ademais dunha redistribución dos espazos, a reforma permitirá adaptar o inmoble “á normativa vixente de accesibilidade e seguridade”. O goberno local salienta que pola rúa Isidoro Queimaliños, onde se atopa o edificio, discorre o Camiño de Santiago e os peregrinos supoñen para Redondela preto do 90 % do fluxo turístico do municipio.
Posta en valor do patrimonio cultural
O goberno redondelán sinala que o municipio “conta cun importante patrimonio cultural, que é necesario poñer en valor”. Esa revalorización do patrimonio, engade a alcaldesa Digna Rivas “serve para que a veciñanza coñeza mellor a historia do seu municipio, e tamén como iniciativa á hora de xerar sinerxias que atraian a un maior número de visitantes”. A rexedora explica que a través deste programa “estanse a poñer en marcha un conxunto de actuacións para recuperar e rehabilitar o patrimonio histórico de Redondela, que corre un grave perigo de deterioro”. Estas actuacións pretenden evitar “a desaparición de xacementos arqueolóxicos, casas históricas ou cemiterios de alto valor histórico e patrimonial, como o dos Eidos”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará