Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela manterá en todo o municipio as franxas horarias establecidas no estado de alarma

RR_Noticias

O goberno local non aplicará a “liberdade horaria” ata non dispoñer dos datos reais solicitados sobre a evolución da COVID-19. A alcaldesa, Digna Rivas, e a segunda tenente de alcalde, Susana Couñago, explican que esta decisión ten como obxecto primar “a seguridade e a saúde dos veciños” e que foi adoptada “por precaución e responsabilidade”.

A partir do próximo luns, 11 de maio, coa entrada en vigor da Fase 1 da desescalada, as parroquias de menos de 5.000 habitantes poden suprimir as franxas horarias para as saídas a pasear e facer deporte. Algo que non acontecerá no municipio de Redondela, onde poderían acollerse a esta “liberdade horaria” todas as parroquias agás Chapela e Redondela. O executivo local considera que “ninguén, cun mínimo de responsabilidade, pode adoptar unha medida deste calibre, sen posuír datos fiables da evolución da enfermidade no municipio, datos que a Xunta de Galicia nega reiteradamente a este Concello”. A rexedora explica que a liberdade horaria para toda a poboación podería supoñer un perigo de contaxio “sobre todo para as persoas maiores, que son os máis vulnerables”. A tenente de alcalde, Susana Couñago, lamenta tamén que a decisión de eliminar as franxas horarias recaia nos Concellos “cando non teñen ningún dato sobre o avance da pandemia”. Por iso entende que neste momento “por precaución e responsabilidade” non poden permitilo. Polo tanto, seguirán vixentes as franxas horarias establecidas no Decreto do estado de alarma en todo o municipio. A decisión do goberno local vén motivada tamén por outros factores como o feito de que a Secretaría do Concello “non garante a seguridade xurídica da medida” e que as notificacións da Policía Local chaman a atención sobre que o comportamento da veciñanza “non está sendo todo o bo que debería ser para avanzar na desescalada”. En todo caso, Rivas e Couñago adiantaron a súa vontade “de debater sobre a posibilidade de apertura de horarios nas parroquias”, pero dita decisión aprázase ata o mércores, día 13, cando se celebrará unha xuntanza da Comisión de Seguemento” para acadar unha maior seguridade xurídica e consultar aos grupos da oposición”. En tanto non se celebre dita comisión, en todo o termo municipal redondelán seguirán vixentes as franxas horarias establecidas no estado de alarma e a Policía Local manterá o seu traballo de vixilancia no cumprimento das mesmas. Responsabilidade da cidadanía Piden tamén “responsabilidade” aos veciños para que non “relaxen” as medidas de seguridade e precaución para evitar os contaxios, sobre todo “a distancia social”. Advirten que despois de case dous meses de sacrificio e confinamento “non podemos permitirnos unha volta atrás nesta crise sanitaria”. Lembren que se manteñen as saídas para facer deporte e pasear entre as 06.00 e as 10.00 horas ou de 20.00 a 23 horas; para os maiores e dependentes de 10.00 a 12.00 horas e de 19.00 a 20.00 horas; para nenos de 12.00 a 19.00 horas.  

Alcaldesa Digna Rivas
A prioridade é a saúde dos veciños e veciñas
Tenete de alcalde Susana Couñago
Déixase a decisión en mans dos concellos sen dispor de datos sobre contaxiados

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará