O goberno local rexeita a actitude da xerencia do SERGAS quen se nega a ofrecer datos sobre a situación sanitaria do municipio así como das previsións de evolución da enfermidade alegando que se trata “de información clínica co máximo nivel de protección”.
O equipo de Goberno insiste en que o que se solicitaba “era unha visión da actual situación sanitaria do municipio en relación co COVID-19, así como datos sobre as previsións de evolución da enfermidade”, en ningún caso “unha listaxe detallada, con nome, apelidos e dirección, das persoas que padecen a enfermidade”.
Unha información que insisten entenden necesaria para poder optimizar o traballo dende a administración local na preservación da saúde da cidadanía pero que se lles nega dende o Sergas.
Critican tamén que as administracións locais queden excluídas do sistema de compras habilitado pola xunta de Galicia para a adquisición de material de protección, como puideran ser as máscaras cirúrxicas, que queda dirixido “exclusivamente” a empresarios ou autónomos”.