Hoxe é Domingo 8 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello convoca unha Mesa de Asesoramento para traballar na recuperación do sector comercial

RR_Noticias

A Mesa de Asesoramento Económico e Reestruturación do Sector Comercial, na que participarán representantes dos sectores económicos máis significativos – hostalería, comercio, Asociación de Empresarios- así como técnicos municipais e representantes dos distintos grupos políticos, reunirase esta semana coa vista posta “no día despois” para paliar os efectos da crise provocada polo estado de alarma polo COVID-19.

O Concello de Redondela convocará esta semana a primeira reunión da Mesa de asesoramento Económico e Reestruturación do Sector Comercial, unha iniciativa que nace coa intención de comezar a traballar conxuntamente nun plan de acción para intentar paliar os efectos da crise que o estado de alarma polo COVID-19 traerá aparellada durante o mesmo e nas datas posteriores ao seu remate.
Esta Mesa busca “a unión e implicación de tódolos sectores afectados para reactivar a economía e buscar unha saída en común a crise provocada pola pandemia”, explica a concelleira de Economía, María Castro.
Nesta reunión avaliaranse medidas de cara a revitalizar o sector como “actividades de promoción e dinamización ata a exención de taxas, pasando por axudas, infraestruturas e iniciativas de publicidade e comunicación” matiza o Equipo de Goberno.
Lembran neste sentido que dende que arrancara o estado de alarma “o Concello xa está a implementar medidas como a promoción dos mercados de abastos municipais, o a potenciación do servizo de pedidos nos mesmos. Asemade estableceuse a exención ou bonificación de varios tributos municipais ou a mobilización de un millón de euros para axilizar o pago a provedores, de cara a permitir que as empresas e persoas autónomas, dispoñan de liquidez para seguir funcionando”.
A este respecto, explicou Digna Rivas, que coa vista posta no “día despois”, o Goberno local en colaboración co sector comercial e empresarial, desenvolverá medidas de dinamización “que se recollerán nun Plan de choque no que se incluirán campañas de sensibilización que lembren á cidadanía a importancia de mercar no comercio local e de proximidade como medio de creación de riqueza, emprego e reactivación económica e que contribúa a que saiamos, o antes posible, desta situación crítica”.
 
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará