Sesenta veciños xa se sumaron á iniciativa solidaria que promove Sogaps para a confección de material de protección a través da Asociación Cultural de Chapela. Toda axuda é pouca, por iso piden a colaboración de pequenas empresas e persoas que conten con máquinas de coser industriais. Esta semana xa se fixo a primeira entrega de material, máis de corenta mil máscaras que serán repartidas en hospitais, residencias de maiores e supermercados entre outros puntos escollidos polas autoridades sanitarias.
Sen un minuto de descanso traballan os máis de trescentos voluntarios que en toda Galicia están a participar a través da ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) na confección de batas e máscaras reutilizables. No noso municipio foron sesenta as persoas que se puxeron en contacto coa Asociación Cultural e Social de Chapela, encargada de organizar aos voluntarios en Redondela. Os traballos céntranse na confección de batas e máscaras de máis de un uso con filtro, compostas por tres capas e, parte delas, impermeables. Os voluntarios reciben o material xa cortado na súa casa e o único que teñen que facer é coselo. Logo é recollido pola asociación que llelo facilita á Área Sanitaria de Vigo, encargada de distribuílo nos lugares nos que máis escasea este material. A presidenta de Sogaps, Maite Isla, agradece a colaboración dos centos de persoas que se sumaron á iniciativa pero asegura que todas as mans son poucas porque é moito o traballo que hai que facer. Na actualidade a urxencia está en atopar persoas que dispoñan dunha máquinas de coser profesional e pequenas empresas para a confección das batas que empregan teas impermeables que é difícil coser cunha máquina convencional. Para aqueles que queiran participar poden facelo a través da Asociación Cultural de Chapela no teléfono 607 883 585 Esta semana fíxose a primeira entrega de material, máis de corenta mil máscaras que xa foron revisadas pola Área Sanitaria de Vigo e que nos vindeiros días serán distribuídas aos hospitais, centros de saúde, residencias de maiores, supermercados entre outros. Ademais da confección de batas e máscaras, a ONG tamén participa coa elaboración dun rexistro de voluntarios para axudar ás persoas máis vulnerables na realización de tarefas básicas como o reparto de alimentos.