Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Redondela MercaNaCasa” unha proposta do Concello para reactivar o comercio local

RR_Noticias

Unha iniciativa da Concellería de Emprego que busca poñer en contacto aos consumidores co comercio do municipio, de xeito que os veciños que precisen dalgún produto non teñan que abandonar o seu confinamento ao existiren comercios locais que poden vender os seus produtos a domicilio. Unha medida que permitirá aos propietarios do pequeno comercio seguir co seu negocio logo do duro golpe económico que supuxo o peche establecido polo estado de alarma, ao tempo que ofrece un servizo que os clientes están a buscar en plataformas multinacionais online cando o teñen ao carón da casa.

O xigante do comercio electrónico Amazon está a ser un dos grande beneficiados da situación provocada polo Covid-19. Neste escenario nace unha proposta da Concellería de Emprego que busca que todos eses consumidores que recorren a plataformas online como Amazon opten por facer as súas compras no comercio de proximidade. Son establecementos locais que, segundo explica a edil María Castro “poden ofrecer os seus produtos e servizos a domicilio” de xeito que se consegue “por unha banda, que as veciñas e veciños non teñan que abandonar o confinamento, co risco sanitario que iso supón, e que as compras se realicen no pequeno comercio do municipio que vén de sufrir un duro golpe coa obriga de peche establecida polo estado de alarma”.
“Se alguén precisa unhas zapatillas, por que compralas nunha plataforma multinacional online, cando pode facelo cun establecemento local e que llas leven a súa casa?” así o explica Castro quen engade que para facilitar este intercambio o Concello habilitou un enderezo de correo electrónico ao que, os negocios interesados deberán remitir datos como o nome do establecemento; logotipo, ou páxina web, se teñen; teléfono e persoa de contacto; enderezo electrónico; produtos e servizos que ofrecen; de que xeito queren interrelacionarse coa cidadanía (por teléfono ou correo electrónico); modo de facer chegar o pedido ao cliente; métodos de pagamento e o consentemento a poder utilizar estes datos.
Para resolver as dúbidas que se poidan presentar, habilítanse tamén dous números de teléfono, operativos de luns a venres e de 9 h a 14 horas: 986 402 664 e 986 400 300.
O comercio local, explica a alcaldesa Digna Rivas, “enfróntase a tempos complicados e a nosa obriga como administración máis próxima á cidadanía, é habilitar os mecanismos que fagan máis doada esta situación”. Por ese motivo decidiron poñer en marcha esta iniciativa “a primeira dunha serie de medidas que o Goberno local adoptará, en colaboración cos interlocutores económicos e empresariais de Redondela, para non só minimizar o impacto da crise do coronavirus na economía local, senón tamén a súa reactivación unha vez remate o actual estado de alarma”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará