Unha mesa de debate con presenza de varias mulleres centran o actos institucionais que o Concello organiza este venres día 6 ás 11:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. Na mesma xornada inaugurarase o mural fotográfico “A Muller da miña vida” e xa na fin de semana haberá teatro con “Loló e Mamá” o sábado 7 e a proposta de microteatro “Teatro sorpresa” o domingo 8. A programación da Concellería de Muller inclúe tamén a proposta “Petiscos en Igualdade” con actuacións de artistas locais os sábados ás 12:00 horas na Praza da Constitución.
O Concello adiántase ao Día da Muller que se conmemora o domingo día 8 con diferentes actividades que se desenvolverán o vindeiro venres organizadas dende a Concellería que preside a alcaldesa, Digna Rivas. Unha mesa redonda, con presenza de mulleres de diferentes idades procedentes do IES San Simón e dos Centros de Día, centrarán o acto institucional que se desenvolverá no Multiúsos a partir das 11:00 horas e que será retransmitido en directo pola Radio Municipal. Un programa no que as participantes reflexionarán sobre as súas vivencias así como sobre os cambios experimentados na sociedade nas últimas décadas. Tamén nese acto farase visible un mural composto por centos de imaxes de mulleres e que leva por nome “A muller da miña vida” e no que a propia alcaldesa apunta a súa participación cunha fotografía da súa bisavoa. Na fin de semana o programa da Concellería da Muller déixanos unha proposta teatral con “Loló e Mamá” da compañía De Ste Xeito Producions, que se poderá ver no Multiúsos o sábado ás 20:00 horas. O domingo haberá microteatro con Arantxa Treus e o seu “Teatro sorpresa”. Unha das novidades máis salientables é a programación continuada dos “Petiscos en igualdade” unha proposta cultural que se desenvolverán a partir do sábado 14 na praza da Constitución con actuacións de mulleres redondelás que abordan diferentes campos artísticos. As actuacións serán os sábados ás doce do mediodía e o obxectivo da Concellería é darlle continuidade no tempo. Digna Rivas salientou tamén a programación que se desenvolve nos centros educativos, con “Contos con final alternativo” nos colexios e a proxección de Matria nos institutos, onde o alumnado terá a posibilidade de conversar co seu director, Alvaro Gago. Tamén se inclúe nesta programación escolar a exposición dos Galp “O mar tamén ten mulleres”. Dende o Concello insisten na idea de que se está a traballar xa noutras actividades co obxecto de darlle continuidade a esta programación. Neste sentido teñen previsto desenvolver no mes de abril un evento en torno ás mulleres e o deporte.