Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Bombas de calor para combater o frío no novo colexio Igrexa

RR_Noticias

Á espera de que a empresa de gas remate cos traballos que permitan conectar a caldeira do centro escolar, a Xefatura Territorial de Educación dotará ao colexio de bombas de calor. Así se acordou nunha reunión celebrada entre a alcaldesa, Digna Rivas, a concelleira de ensino, Olga García e o xefe territorial da Xunta, César Pérez Ares. Na xutanza abordáronse tamén outros problemas como a necesidade de instalación dun ascensor e cambio do falso teito no colexio de Angorén, a falta de espazo para o comedor escolar no Santa Mariña, así como outras demandas para o colexio de Cedeira e Reboreda.

A carencia dun sistema de calefacción no novo colexio Igrexa responde, segundo os responsables políticos, “a problemas técnicos derivados do propio proxecto” e, nese sentido, a alcaldesa destacou “o traballo que, dende o primeiro momento, están a desenvolver o Concello, a Xefatura Territorial de Educación e Gas Natural, de xeito totalmente coordinado, para dar unha solución á maior brevidade posible”.
Nese sentido, a empresa de gas traballa xa na conexión entre a rede de subministro e o cadro central de distribución do centro escolar de cara a poñer todo o sistema en marcha do xeito máis rápido posible. Mentres, a Xefatura Territorial dotará ao colexio de bombas de calor de cara a mellorar as condicións térmicas do centro escolar.
Na reunión, Xunta e Concello pecharon unha nova xuntanza para o vindeiro mes de xaneiro, de cara a asinar un convenio de colaboración entre ámbalas dúas administracións que permita abordar a solución a diversos problemas dos centros educativos redondeláns, como a necesidade de instalación dun ascensor e cambio do falso teito no colexio de Angorén; dar solución á falta de espazo para o comedor escolar no colexio Santa Mariña, amais do pintado de fachadas e instalación de canalóns; peche da pista de Cedeira e, un tema de especial importancia como é a reforma integral no colexio de Reboreda.
Na mesma liña, estúdase a posibilidade dende a Xefatura Territorial de, a través dunha partida orzamentaria para mellora da eficiencia enerxética, incluír o cambio de todas as ventás do colexio de Cesantes, de cara a conseguir un mellor illamento térmico.
Tanto Digna Rivas como Olga García Ballesteros agradeceron a “sensibilidade e boa disposición amosada por César Pérez Ares en todos os temas que fan referencia ao ensino de Redondela”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará