Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A plataforma contra o desmantelamento da comisaría esixe unha policía “de proximidade”

RR_Noticias

O colectivo está a mobilizarse buscando o apoio dos veciños de Redondela para que volvan os policías nacionais que traballaban na comisaría do distrito. Esta mañán reuníronse coa candidata do PP ao Congreso por Pontevedra, María Ramallo, e a concelleira Carmen Amoedo, que amosaron o seu apoio ás reivindicacións desta plataforma.

A plataforma cidadá contra o desmantelamento da comisaría da Policía Nacional de Redondela mobilizouse onte cunha protesta “para esixir o regreso dos doce axentes que foron trasladados á comisaría de Vigo”. Álvaro Bastos, policía xubilado, é o voceiro deste colectivo. Denuncia que, como hai carencia de persoal, retiraron aos policías que traballaban en Redondela, “deixando sen servizo a un municipio de 30.000 habitantes”.  A plataforma colectivo enviou cartas á Xefatura de Policía e ao Ministerio do Interior para denunciar a situación, e fixeron unha recollida de firmas con 4.000 sinaturas. Esta mañán reuníronse na Casa da Cultura de Redondela coa candidata do PP ao Congreso por Pontevedra, María Ramallo, e a concelleira Carmen Amodo, que amosaron o seu apoio ás reivindicacións desta plataforma. A voceira do PP redondelán sinalou que se trata dunha reivindicación “xusta”, e lamentou que a alcaldesa Digna Rivas “peche a porta” a esta asociación “en lugar de defender os intereses dos redondeláns”. María Ramallo advertiu que o traslado da comisaría “é unha preocupación para os veciños e tamén para os propios axentes”, que se engade a un problema xeralizado dos últimos anos, nos que houbo dificultades para cubrir as vacantes en todas as comisarías. Desde a Comisaría Vigo-Redondela indican que este cambio responde á necesidade de “aumentar a efectividade e a rapidez á hora de atender as urxencias”. Explican que antes, cando se daba unha incidencia en Chapela, atendíase desde o centro de Redondela. Agora faise polo vehículo fixo do sector de Vigo, o que acurta o tempo de resposta. Grazas á nova distribución, afirman que se aumentou o servizo de noite con unidades de paisano, sumadas ao vehículo “fixo” existente as 24 horas do día os 365 días do ano, con controis en zonas de lecer e hostalaría. A plataforma cidadá contra o desmantelamento denuncia que a tardanza dos policías nacionais en chegar a Redondela “débese a que os axentes non coñecen as parroquias nin os camiños nos diferentes barrios”. Reclaman unha comisaría propia, con axentes destinados permanentemente a este municipio, como existe en Marín, Monforte de Lemos, Ribeira ou Viveiro, localidades todas elas con menos poboación que Redondela.

Álvaro Bastos voceiro da plataforma
Denuncia que o traslado dos axentes deixou sen servizo de proximidade ao municipio de Redondela.
Carmen Amoedo concelleira do PP
Amoedo sinalou que é reivindicación "xusta" e lamenta que a alcaldesa Digna Rivas non defenda "as necesidades dos redondeláns".
María Ramallo candidata do PP ao Congreso por Pontevedra
Ramallo advertiu que o traslado da comisaría "é unha preocupación para os veciños e tamén para os propios axentes".

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará