Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A exposición de Boix, un berro contra o esquecemento

RR_Noticias

Martín Ferreiro, Rafael Pardo, Francisco Pena, Antonio Suárez, son algúns dos douscentos deportados galegos que sufriron, ao igual que o fotógrafo Francesc Boix, o horror do campo de concentración de Mauthausen. Algúns conseguiron saír outros quedaron nas cámaras de gas. Os descendentes lembraron as experiencias dos seus familiares na inauguración da exposición na que se percorre a historia do fotógrafo catalán. Unha chamada a non esquecer o que supuxo o nazismo e a todos aqueles represaliados que foron silenciados, entre eles os redondeláns.

Até o 29 deste mes o multiúsos da Xunqueira acolle a exposición sobre o coñecido como “Fotógrafo de Mauthausen”. Un percorrido que nos leva a coñecer a historia deste home que nacía en Barcelona en 1920 e que retratou a Guerra Civil até rematar exiliado en Francia, onde como boa parte dos republicanos, converteríase en man de obra nos campos de traballo. Pasou tres anos en Mauthausen, onde traballou no laboratorio fotográfico no que se facían aos retratos de identificación dos presos, o que lle permitiu roubar milleiros de negativos que servirían para documentar as atrocidades que alí se acometeron. Vivencias que este luns se volveron a revivir na inauguración desta mostra, a través das palabras dos descendentes dalgúns deportados, como o neto de Martín Ferreiro Álvarez, concelleiro e tenente de alcalde no Concello da Coruña, quen lle puña voz á historia do seu avó, que logo de loitar no bando Republicano remataría en Mauthausen, igual que Boix, pero con peor sorte. Logo de once meses no campo de concentración, falecía. Un “campo de exterminio, sufrimento, fame, paus e morte”, como subliñaba o fillo de Francisco Pena Romero, un dos superviventes, que logo de cinco anos foi liberado o cinco de maio de 1945 polo exército americano. Experiencias semellantes ás relatadas polos familiares de Rafael Pardo Vales, Antonio Suárez Blanco, Domingo Castro e Ricardo Rodríguez. Testemuños que fixeron fincapé no descoñecemento que existe sobre os españois que sufriron os campos de concentración nazis e incidiron na necesidade de rematar co silencio da nosa historia máis recente. Unha mostra organizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica en colaboración co Colectivo Republicano de Redondela en lembranza dos deportados de Redondela. Sobre eles falará este sábado, a partir das 20.00 horas, a investigadora María Torres.    

Colectivo Republicano de Redondela
Non ao esquecemento
Neto Martín Ferreiro
Concelleiro e tenente de alcalde de A Coruña morto en Mauthousen
Fillo Francisco Pena
Supervivente logo de cinco anos no campo de concentración
Familiar Rafael Pardo
"Unha historia silenciada por medo á represión"
Neta Antonio Suárez
Mariñeiro de Malquica represaliado en Mauthausen
Familiar Domingo Castro
Descoñecemento da historia

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará