Hoxe é Luns 9 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Máis de 200 maiores participarán en Redondela dunha xornada de convivencia interxeracional

RR_Noticias

Tras o éxito do ano pasado o Concello de Redondela celebra mañá venres o II Día do Maior no pavillón municipal da Marisma. Máis de 200 maiores participarán nesta actividade, que pretende ser unha xornada de convivencia interxeracional coa presenza de 80 nenos do CEIP Laredo e Colexio Vigo. Estudantes do IES Chapela do ciclo de APSD e de Educación Infantil atenderán aos maiores e organizarán actividades.

O Instituto de Chapela acolleu onte a presentación das actividades. A concelleira de Servizos Sociais, Carmen Amoedo, explicou que se trata dunha celebración na que os maiores poderán “compartir experiencias” e participar nun intercambio “xeracional” con nenos no pavillón municipal da Marisma. Unha xornada que trata de dar resposta ás necesidades dos maiores procurando un “avellentamento activo”. O programa de actividades inclúe actuacións musicais coas Pandeireteiras Choqueiras de Redondela e o grupo 3.COM, así como xogos e clases de Taichí. O IES Chapela colabora na celebración desta xornada, xa que os alumnos do centro participarán como coidadores para atender aos maiores. Trátase duns 80 estudantes do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia (APSD) e do Ciclo Superior de Educación Infantil. Miguel Pérez, director do IES, salientou que é unha actividade “moi positiva para os alumnos”, xa que farán prácticas reais. Dirixiuse aos estudantes para falar dos maiores, un sector da sociedade cunhas necesidades de coidados que hai que cubrir “por xustiza social”, e que serán estes alumnos os que o fagan “cun traballo digno”. Os alumnos amosáronse tamén “ilusionados” por poder participar nesta xornada, que lles servirá como “unha práctica real” antes de rematar os seus estudos. Desde a Cruz Vermella colaboran tamén nesta xornada organizando actividades que compartirán nenos e maiores. Purificación Serrano, presidenta comarcal da ONG, lembrou a “excelente experiencia vivida o ano pasado” e aseguroulle aos alumnos que será unha xornada “que non van esquecer na vida”. Serán en total uns 80 alumnos de 3º e 4º de Primaria do CEIP Laredo e do Colexio Vigo os que participarán neste II Día do Maior. A Xefa de Estudos do CEIP Laredo, Ángeles Lago, amosou a súa satisfacción por participar desta xornada, que será “moi enriquecedora para os alumnos”. O alcalde, Javier Bas, sinalou que a intención do Concello de Redondela é facer unha homenaxe aos maiores, xa que son os que “co seu sacrificio” fixeron posible que hoxe teñamos “unha mellor calidade de vida”. Apuntou que actividades coma esta, de convivencia interxeracional, son “as que fan parroquia e nos humanizan”. Bas agradeceu a implicación dos colexios, o instituto, a Cruz Vermella e os Centros de Día, tanto o de Os Cortizos como o centro público de Cesantes. As actividades comezarán ás 10.00 e rematarán ás 19.00 horas, e inclúen almorzo, xantar e merenda.

Carmen Amoedo concelleira de Servizos Sociais
Esta xornada trata de dar resposta ás necesidades dos maiores procurando un "avellentamento activo".
Miguel Pérez director do IES Chapela
Atender as necesidades dos maiores é unha obriga "de xustiza social" e os alumnos do IES farán deste servizo o seu traballo.
Purificación Serrano presidenta comarcal da Cruz Vermella
Serrano lembrou a "excelente experiencia vivida o ano pasado" e aseguroulle aos alumnos que será unha xornada "que non van esquecer".
Ángeles Lago CEIP Laredo
Será unha xornada "moi enriquecedora" para os alumnos de 3º e 4º de Primaria que van participar.
Alumnos IES Chapela
Os alumnos amosáronse "ilusionados" por poder participar nesta xornada que lles servirá como unha "práctica real".
Javier Bas alcalde
O alcalde apuntou que actividades coma esta son "as que fan parroquia e nos humanizan".

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará