A Directiva do Centro Cultural Chan das Pipas de Saxamonde vén de presentar a súa dimisión tan só dous meses despois de asumir a xestión do Centro. Aseguran, a través dun comunicado, que a súa decisión responde as críticas que lles fixeron chegar dende a Comunidade de Montes, propietaria da Casa Cultural, quen lles trasladaron que “non están de acordo coa súa forma de traballar” motivo polo que deciden abandonar a xestión deste centro.
Explican dende a xa dimitida directiva que durante os dous meses que estiveron ao fronte da Casa Cultural realizaron diferente accións encamiñadas a mellorar un edificio que presentaba un importante estado de abandono “arranxando o teito e procedendo ao seu pintado, así como os baños escaleiras e corredor do andar superior, e cambiando a iluminación da entrada, os baños a cafetería e salón de actos con nova tecnoloxía tipo led de cara a diminuír o gasto en electricidade. Apuntan tamén outras melloras como a compra dun televisor, un lavalouzas ou unha estufa para a terraza así como reunións co Concello para solicitar melloras na área recreativa. En canto a promoción da Cultural explican que nestes dous meses chegaron incluso a un acordo de colaboración co Club Deportivo Saxamonde Slor para que se impartan clases a nenos a partir de 6 anos.
Actividades e xestión que non teñen o aval da Comunidade de Montes que lles trasladou que “non están de acordo coa nosa forma de traballar, polo que non vemos na obriga de dimitir”.