Hoxe é Mércores 8 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Obras de rehabilitación na praza da Alfóndiga e na fonte de Cabanas

RR_Noticias

Os alumnos do obradoiro de emprego Redondela Vila Bela II iniciaron os traballos de rehabilitación da Praza da Alfóndiga consistentes no arranxo do enlousado deteriorado polo paso do tempo e polas raíces das acacias que se atopaban na praza e que xa foron retiradas. Por outra parte, dende o concello realizáronse traballos de recuperación da fonte de Cabanas, na rotonda de saída da AP-9.

Os alumnos do obradoiro de emprego “Redondela Vila Bela II” están a realizar os traballos de recuperación e enlousado da Praza da Alfóndiga, na zona vella de Redondela e Camiño de Santiago Portugués, deteriorado polo paso do tempo e, sobre todo, pola raíces dunhas acacias que se atopaban en cada esquina da praza e que foron taladas previamente. O traballo nesta praza consiste en levantar as lousas mal colocadas e que poderían causar tropezóns, eliminar as raíces que as fan levantar e recolocar as pezas sobre morteiro seco. Tamén substituirán as lousas en peor estado, axustarán os bordes, recolocarán o mobiliario urbano que foi previamente retirado, e procederán a unha limpeza de todo o enlousado. A dificultade deste traballo radica sobre todo no gran volume e peso destas lousas así como na súa irregularidade.
Por outra banda, as Concellerías de Medio Ambiente e de Vías e Obras do Concello de Redondela, veñen de acometer diversas melloras na fonte de Cabanas, que se atopa na rotonda da saída da AP9. Co obxectivo de poñer en valor os recursos hidráulicos da vila e para fomentar o consumo de augas de mananciais, o Concello levou a cabo unha obra de mellora do manancial e do seu entorno. Por este motivo, agora solicitan que se faga un uso responsable e adecuado da fonte.
A fonte de Cabanas ten un caudal de 1.020 litros por hora, o que fai que cada día regale máis de 24.000 litros de auga potable á cidadanía. Por iso, o Concello quere poñer en coñecemento de todos os veciños este feito para fomentar o uso da auga de boa calidade coa que se conta en todo o municipio, en detrimento do consumo da auga embotellada.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará