Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Prevención, a mellor receita contra o acoso escolar

RR_Noticias

Co gallo do Día Internacional da Internet Segura, Unicef emitiu un informe no que alerta que polo menos dous estudantes por aula sofren acoso escolar ou violencia en España. Unha situación que non se dá en Redondela, onde o clima de convivencia é “moi bo” segundo os responsables dos institutos. Nos centros apostan pola prevención e a mediación entre os propios alumnos para resolver os conflitos.

Unicef advirte que entre os alumnos españois de entre 12 e 16 anos, o 6,9 % afirma ter sufrido ciberacoso nos dous últimos meses e o 3,3% recoñece ter participado como ciber agresor. Uns datos que non se corresponden coa realidade dos institutos de Redondela, segundo os responsables dos centros e os propios alumnos. No IES Illa de San Simón advirte que é difícil falar de estatísticas, porque ás veces os alumnos “non saben identificar unha situación de acoso”. A orientadora do centro, Noemi Borrajo, explica que ás veces dánse situacións de acoso que os rapaces non ven como tal, e outras que son pequenos conflitos “e confúndenos con acoso”. Para evitar situacións de acoso, que tanto preocupan ás familias como aos docentes, o primeiro paso e o máis importante é “a prevención”, como explica Ramiro Armesto, director do centro. No caso deste instituto redondelán o clima de convivencia “é moi bo”, xa que todos os alumnos se coñecen, ao igual que as familias, e teñen relación “tanto dentro como fóra do centro no seu día a día”. A educación en valores e a empatía forma parte do día a día do instituto, e trabállanse “de xeito transversal” en todas as asignaturas. No Illa de San Simón aplican o programa TEI (Titoría Entre Iguais) dentro dunha iniciativa na que se promoven as boas prácticas na prevención da violencia e o acoso escolar. Este programa de convivencia oriéntase a mellorar a integración escolar e traballar por unha escola “inclusiva e non violenta”, fomentando que as relacións entre iguais sexan “máis satisfactorias”. Neste caso os alumnos de 3º da ESO son os titores dos alumnos de 1º. Unha experiencia “moi satisfactoria” segundo Goretti Miguel, alumna de 4º que o pasado curso era titora dunha rapaza. Explica que para os alumnos de 1º é “moi positivo” xa que lle axuda a coñecer o centro e plantexarlle dúbidas ou inquedanzas a un compañeiro “maior” que non se atreverían a comentar cun mestre. O “ciberbullying” e o acoso son os riscos que máis preocupan a pais, educadores e aos propios nenos. A maioría comezan a empregar móbiles con conexión a internet cando chegan á ESO, con 12 anos. Alberto Estévez, que é alumno de 4º da ESO, advirte que os problemas de acoso agora poden ser máis graves que hai anos, porque se extenden polas redes sociais. Con todo, entende que este tipo de sociedades virtuais son positivas, sempre que se faga un bo uso delas, e afirma que hai moita información e charlas para que os adolescentes fan un uso “seguro” de internet. E o acceso ás redes fai que calquera información poida chegar a moitas persoas en moi pouco tempo, tamén un insulto ou unha vexación. Por iso os mestres advirten da necesidade dun uso “racional” destas ferramentas, e o control por parte dos pais para limitar tanto o tempo como o contido ao que acceden os menores.

Noemi Borrajo orientadora do IES Illa de San Simón
A orientadora explica que ás veces os alumnos non saben identificar unha situación de acoso.
Ramiro Armesto director do centro
A educación en valores e a empatía forma parte do día a día do instituto e trabállanse "de xeito transversal" en todas as asignaturas.
Goretti Miguel alumna de 4º
No centro aplican o programa TEI Titoría Entre Iguais no que os alumnos de 3º son titores dos alumnos de 1º.
Alberto Estévez alumno de 4º da ESO
Entende que as redes sociais son boas sempre que se faga un uso positivo delas. Cada vez hai máis información e charlas para que os adolescentes fagan un uso "seguro" de internet.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará