Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco suma un empate ante o Arenteiro

RR_Noticias

Os de Redondela sumaron un punto es terras ourensás. Na Segunda Autonómica gañou o Atl. de Vilar e na Terceira o Chapela. No fútbol sala sumaron vitorias Campito, Pazos e Redondela. No balonmán perderon os equipos femininos de SAR e Chapela e gañaron os dous masculinos.

 
Terceira División
Arenteiro 1-1 Choco
O Choco sumou un punto na visita ó Arenteiro ourensán nun partido que foi de máis a menos, con dous goles na primeira metade e sen tantos tras o descanso. O encontro abriuno o central do equipo de Redondela Aitor Cañedo aos cinco minutos de xogo. Tras o tanto, os intentos do Arenteiro de empatar o enfrontamento tiveron recompensa por medio de Hugo Sanmartín, que estableceu a igualada a tres minutos para o descanso. As táboas parecían indicar que o segundo tempo sería con movemento, pero non foi así e o Choco é décimo igualado a 28 puntos con Ourense CF, Somozas, Laracha e Silva. Será o Laracha, precisamente, o seu próximo rival en Redondela.
Arenteiro: Rui Filipe, Adrián Fernández (Toni Pérez, min. 69), Adrián Padrón, Martín Gigirey, Cassio, Adil (Carril, min. 14), Roberto (Iván Otero, min. 46), Martín, Fajardo, De Dios, Hugo Sanmartín.
Choco: Cortegoso, Lazcano, Cañedo, Samu Santos, Xián, Caloi, Comis (Joao, min. 63), Nacho Fariña, Vilas (Alberto Suárez, min. 81), Cora, Gabri (Davi, min. 79).
Goles: 0-1, min. 5: Aitor Cañedo; 1-1, min. 42: Hugo Sanmartín.
Primeira Autonómica

Dena 1-0 Arcade
Un único gol de David Oubiña que aproveitou un erro de diego, porteiro do Arcade, deulle a vitoria aos locais. Os de Soutomaior baixan ata ao 7º posto. Na próxima xornada reciben ao R. Castrelos, 10º.
Segunda Autonómica

Goián 0-2 Atl.Vilar
Importante vitoria nun campo difícil. Os de Mon Sanromán aproveitaron os erros dos anfitrións e souberon manexar o partido á contra, con goles de José CArlos e Miguel. Manteñen o 10º posto e na próxima xornada reciben ao Tomiño, da metade baixa da táboa.
Cesantes 1-3 A Lama
Os locais adiantáronse con gol de Xusti, pero José empatou para o Cesantes ante so descanso. Na segunda parte Carlos Castro volveu poñer por diante á Lama e logo Migui sentenciou co 1-3 definitivo.O Cesantes mantén a 12ª posición do grupo malia a derrota, pero amplía distancias cos equipos de arriba. O domingo xogará no campo do Caldas, situado na parte baixa.
Terceira Autonómica

Chapela 4-0 Moledo
O Chapela segue 4º logo do triunfo por goleada ante o Moledo, cos vigueses na parte baixa da táboa. Na próxima xornada visita o campo do líder, o Val Miñor.
Nespereira 1-1 A. Alcabre
Conseguiron un empate ante un rival complicado, pero seguen na parte baixa da táboa. O domingo visitarán o campo do Oiense, pechacancelas do grupo
Soutomaior 1-1 Figueirido
O Soutomaior adiantouse con gol de Davicín, e Loira empatou para o Figueirido na segunda parte. O Soutomaior mantén 2º posto da táboa logo do empate, e na próxima xornada repiten como locais ante o Cobres, da parte baixa da táboa.
Fútbol Sala Terceira División

Campito 6-3 Valdesuso Peugeot Vilalba
O Campito sae de postos de descenso grazas ao triunfo sobre o Valdesuso Peugeot Vilalba, e beneficiado polos resultados negativos do resto de equipos de abaixo. Na próxima xornada xogan na pista do Carballiño Futbol sala, un dos equipos máis fortes do grupo, 4º clasificado.
Polideportivo Casás 1-3 Pazos
Os de Fran Amoedo recuperan seguen líderes logo do triunfo na pista do C. Polideportivo Casás, en postos de descenso. A próxima fin de semana reciben ao Estrada Futsal, o pechacancelas do grupo.
Preferente Sur

Redondela 6-3 Manzaneda
O Redondela superou ao Sporting Manzaneda. A próxima xornada xoga en Gondomar na pista do Abetos, que suma 1 punto máis que os redondeláns.
Balonmán División de Honra Prata Feminina

Zonzamas 29-24 SAR
A SAR Rodavigo regresou de baleiro da súa visita ao Lanzarote Zonzamas, ante o que perdeu por cinco tantos de diferenza.
Xixón 28-22 Chapela
Segue como colista o Cíes Obra Civil Chapela, que o sábado encaixou unha nova derrota na pista do Balonmano Xixón, as de Chapela aínda non sumaron ningún punto esta tempada.
Na próxima xornada dispútanse dous derbis comarcais, co Chapela-Seis do Nadal e o SAR-Lavadores.
Primeira Nacional Masculina

Chapela 31-29 C.Ourense
O Rodosa Chapela notou no arranque a falta de Fran Teixeira no banquiño por enfermidade, pero finalmente puido darlle a volta ao marcador. Son 5º, cun partido menos, e na próxima xornada viaxan a Coruña para medirse ao OAR.
Primeira Autonómica

SAR PlasticOmnium 25-20 Lavadores
Os de Diego Lorenzo manteñen o 3º posto logo da vitoria ante o Lavadores, pechacancelas do grupo. Na próxima xornada visitan a pista do líder, o Culleredo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará