Hoxe é Sábado 11 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Deputación inclúe o Cemiterio dos Eidos nunha campaña de promoción dos Cemiterios Históricos

RR_Noticias

A Deputación impulsa a campaña “Visitas Singulares Rías Baixas: Cemiterios Históricos” que busca “difundir o enorme valor cultural que teñen estes espazos”. Co obxectivo de dar a coñecer estes cemiterios como punto de atracción turística dende o organismo provincial van levar a cabo unha acción promocional de divulgación de seis cemiterios singulares da provincia entre os que se atopan Santa Mariña de Dozo (Cambados), o Cemiterio dos Ingleses (Vilagarcía de Arousa), o de San Mauro (Pontevedra), Pereiró (Vigo), Arcos de Furcos (Cuntis) e Os Eidos en Redondela.

A Deputación salienta o interese histórico do Cemiterio dos Eidos “un espazo con panteóns de grande valor artístico realizados por canteiros da zona. A súa importancia tamén reside na pegada da emigración indiana e tamén da Guerra Civil, xa que contén unha fosa común na que foron sepultados 42 persoas republicanas, aos que ademais se lles dedica un monumento. Aquí atópase enterrado, entre outras persoas, o heroe da batalla de Ponte Sampaio John O,Dogherty”.
Motivos estes que levan ao organismo provincial a incluílos xunto con outros cinco nesta campaña de promoción dos cemiterios singulares da provincia de Pontevedra a través da páxina web de Turismo Rías Baixas e das canles do organismo nas redes sociais, poñendo en valor todas as accións turísticas que os propios concellos están impulsando para poñer en valor estes espazos.
“A través desta acción singular – asegurou a presidenta da Deputación Carmela Silva – pretendemos ofrecer alternativas que se afasten dos estereotipos do noso destino porque o noso obxectivo é amosar toda a realidade e potencialidade das Rías Baixas”.
Ao respecto, a presidenta provincial asegurou que o “turismo de cemiterios está despuntando desde o ano 2015 debido ao grande valor que teñen estes espazos e a súa carga histórica. Así, o Consello de Europa recoñeceu, no ano 2010, como itinerario cultural unha Ruta dos Cemiterios Europeos”
Esta acción de divulgación completarase coa visita ao cemiterio de Santa Mariña de Dozo, o vindeiro sábado 21 de outubro ás 18.30 horas, declarado Monumento Histórico Artístico desde 1943 e incluído na Asociación de Cemiterios Singulares de Europa.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará