Os amantes dos animais e, máis concretamente, os propietarios de cans, teñen unha cita hoxe na Casa da Cultura ás 20:00 horas. O adestrador profesional e presidente do club de adestramento Terrameiga de Redondela, Luis Montero impartirá unha charla na que achegará aos asistentes consellos sobre o xeito no que debemos actuar co noso can se queremos que a nosa convivencia sexa máis doada ademais de garantir o seu benestar en todos os sentidos.
Na charla, que organiza a Concellería de Deportes, falarase das claves que hai que ter en conta á hora de educar ao animal, pero tamén aprenderemos a coñecer e recoñecer os seus xestos, aprenderemos a interpretar o seu comportamento e nos enfrontaremos con erros moi habituais, como o feito de humanizar ao animal ou pensar que por estar a realizar algunha actividades que para nós é pracenteira tamén o é para o can. Explica Luis Montero que un dos problemas máis habituais que presentan os cans é o estress, motivo polo que se darán algunhas claves para identificar que temos un animal estresado. A asistencia é gratuíta e os asistentes recibirán un agasallo. Como complemento a esta actividade desenvolverase en vindeiros día unha “concentración práctica” na que os participantes poderá achegarse co seu can para formular as súas dúbidas e recibir consellos sobre o terreo. Os interesados poderán inscribirse, tamén de xeito gratuíto, na charla de hoxe.
Unha charla aberta a todos os interesados no comportamento dos cans
Os asistentes aprenderán a identificar algúns erros habituais
A charla completarase cunha concentración na que os propietarios irán acompañados dos cans