O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves visitou na mañá de hoxe Redondela para presentar o obradoiro de emprego “Redondela Ecosostible II” no que se formarán vinte desempregados, dez dos cales formaranse na especialidade de cantería e outros dez en xardinería e agricultura ecolóxica. Un obradoiro que busca mellorar a empregabilidade dos seus alumnos-empregados e que contará cunha subvención por valor de 180.000 euros.
O obxectivo deste obradoiro é formar a 20 persoas desempregadas para mellorar a súas posibilidades de cara a atopar un traballo. Ademais durante os seis meses que dura o obradoiro recibirán un salario como “alumnos-traballadores” nas especialidades de cantería e xardinería. A actuación principal que desenvolverán no concello como parte importante da súa aprendizaxe, centrarase no acondicionamento e mellora da Alameda. Tanto López-Chavez como o alcalde, Javier Bas, vincularon a realización destes obradoiros, un total de 6 dende a chegada do PP á alcaldía, co descenso experimentado nos últimos tempos no número de desempregados en Redondela, que chegou superar os 3.000 e actualmente atópase en 2.217. Neste sentido Bas apuntaba que “estes plans de emprego están a ser moi efectivos como o demostra o feito de que Redondela teña a taxa de paro máis baixa dos municipios de Pontevedra que superan os 10.000 habitantes”. A oferta complétase cun segundo obradoiro, o “Emprega Xove II” orientado a menores de 30 anos. Impartirá a especialidade de pintura decorativa a un total de 8 alumnos que se encargarán do acondicionamento do Multiúsos. A segunda especialidade formará a 7 alumnos no deseño gráfico. As persoas interesadas nestes obradoiros poden informarse na Oficina de desenvolvemento local ou inscribirse directamente na oficina do Servizo Público de Emprego.
Uns obradoiros que permiten aos alumnos seren remunerados
Descenso do paro
As prácticas do alumnado centraranse no acondicionamento da Alameda