Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Heroico empate do Choco que suma e segue nun caldeado Nuevo Vivero

RR_Noticias

O equipo de Marcos Montes conseguiu o que semellaba imposible, clasificarse para a seguinte ronda da fase de asenso a Segunda B. E fíxoo logo dunha viaxe de máis de 500 quilómetros, nun estadio moi hostil e cun home menos durante toda a segunda parte. O marcador 2-2 fai boa a vitoria por 2-1 na ida en Santa Mariña. Eta tarde coñecerá ao seu próximo rival.

O equipo redondelán sabía que as cousas non ían ser doadas en Badaxoz, pero a dureza coa que os afeccionados locais recibiron ao Choco superou as súas expectativas. Os radicais estremeños tentaron amedrentar aos xogadores do Choco, pero non o conseguiron, e ante 7.000 afeccionados do Badaxoz fixeron un gran partido. Aos trece minutos, Hugo Sanmartín internouse por banda, puxo o centro e Jesús anotou en propia porta. Adiantouse así o Choco e ampliou a vantaxe aos vinte minutos. Fernando recibiu na área, sorteou a un rival e cruzou o balón ante Arenas. Logo do 0-2 os pupilos de Marcos Montes tiveron máis opcións e, mesmo, reclamaron senllos penaltis sobre Silva que o colexiado non viu. Logo o partido comezou a complicarse co primeiro tanto de Carreño no minuto 36. E Abraham anotaba o gol do empate para os locais un segundo antes do descanso de falta directa. No lance Lucas viu a súa segunda cartolina amarela. Cun menos e empate no marcador chegou o Choco ao descanso. O resultado daba o pase aos de Marcos Montes, obrigados a defender. O Badaxoz, para pasar a eliminatoria, necesitaba dous goles máis. Pero o marcador xa non se movería. Os redondeláns fixeron un gran esforzo defensivo, e rexeitaron un balón tras outro ante a impotencia dos locais.
Hoxe sorteo, e mañá semifinal de Copa Deputación
Esta tarde o Choco coñecerá ao seu rival na semifinal da fase de ascenso a Segunda División B. O abanico de candidatos é de alto nivel: Laredo, Santa Brígida, Aragón, Atlético Osasuna, Conquense, Caudal, Calahorra, Zamora e Lorca. No mesmo sorteo, que se celebrará na sede da Real Federación Española de Fútbol, coñecerase a orde dos partidos e os redondeláns saberán se xogarán o partido de volta no campo de Santa Mariña ou lonxe de casa.
E mentres preparan o partido de mañá no Baltasar Pujales, 21 horas, ante o Rápido de Bouzas nas semifinais de grupo da Copa Deputación. Un partido que o club vigués declarou de portas abertas, polo que serán moitos os afeccionados redondeláns que acudirán a Bouzas para arroupar ao equipo é renderlle homenaxe polo éxito acadado en Badaxoz. Para Marcos Montes o problema será dosificar aos seus xogadores logo do gran esforzo realizado no Nuevo Vivero.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará