Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O alcalde desatende o acordo plenario e asiste á procesión do Cristo en representación do Concello

RR_Noticias

Centos de persoas ateigaron onte o centro da vila para participar da máis multitudinaria das procesión que se celebran en Redondela, a procesión do Cristo da Agonía, máis coñecida como a do Cristo dos Navegantes. Unha cita relixiosa que contou coa presenza do grupo de goberno encabezado polo alcalde, Javier Bas quen portou o bastón de mando en representación do Concello. Unha tradición que volvía cumprirse malia a que tan só cinco meses atrás o pleno aprobou unha moción de AER na que se establece que a corporación municipal “non participará en manifestacións de tipo relixioso”.

Día festivo en Redondela no que se conmemora o Cristo dos Navegantes, unha das manifestacións relixiosas con maior arraigo na vila como o amosa a multitudinaria procesión que volvía percorrer as rúas do casco urbano. A comitiva saía dende a Igrexa Santiago Apóstol logo da misa solemne celebrada ás sete e media da tarde. Malia que a xornada estivo pasada por auga, a situación meteorolóxica mellorou de cara a tarde o que permitiu que a procesión se celebrase sen incidentes.
Ademais dos centos de persoas que asistiron a procesión a nivel particular, houbo tamén presenza institucional encabezada polo propio alcalde Javier Bas portando o bastón de mando e seguido dos concelleiros do PP.
Desatende así o goberno local o mandato plenario aprobado en outubro no que se establecía, a petición dunha moción da Agrupación de Electores, que os actos relixiosos deixarían de contar con representación municipal. Xa naquel momento os populares amosaban a súa disconformidade co acordo por entender que “o pleno non ten competencia xurídica neses asunto tal e como así o determina un informe da secretaria municipal”.
Os populares, que xa anunciaban cinco meses atrás a súa intención de seguir representando ao concello neste tipo de actos de carácter relixioso, amosaban coa súa presenza na procesión de onte a súa decisión de non acatar o acordo.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará