Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela reclama obradoiros de emprego máis longos para lograr unha mellor formación

RR_Noticias

No Pazo de Pousadouro clausuráronse esta mañá os cursos do Obradoiro de Emprego “Redondela Ecosostible”, que comezaran no mes de agosto. O programa ofreceu formación e emprego durante 6 meses a un total de 20 alumnos nas especialidades de agricultura ecolóxica e albanelería-cantería.

No acto participou o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto ao alcalde de Redondela, Javier Bas, e a concelleira de Benestar, Carmen Amoedo. A edil amosouse satisfeita co resultados destes obradoiros, e co traballo tanto dos alumnos como dos mestres e administrativos. Tamén anunciou que o Concello xa solicitou novos programas de formación á Xunta de Galicia, para seguir “na mesma liña” de formar a veciños desempregados co gallo de “mellorar o seu acceso ao mercado laboral”. Na entrega dos diplomas aos alumnos, López-Chaves puxo a Redondela como exemplo de Concello “implicado na formación e na empregabilidade” dos seus veciños, e eloxiou os resultados dun obradoiro financiado con 178.000 euros da Xunta de Galicia. O alcalde, Javier Bas, agradeceu a colaboración da Xunta nos programas de formación, e tamén da implicación “de todo o equipo” que conforman alumnos, docentes e persoal administrativo. Con todo, advertiu da necesidade de que estes programas teñan unha duración “algo máis longa”, para completar a formación dos alumnos, polo que lle transmitirá esa necesidade á Xunta de Galicia. Os doce alumnos de albanelería-cantería, seus homes e seis mulleres, realizaron traballos de rehabilitación na antiga escola de Cedeira. Os alumnos de agricultura ecolóxica fixeron plantacións tanto na finca do propio Pazo de Pousadouro como noutras leiras do municipio, así como a repoboación de froiteiras no val do Maceiras. Moitas das árbores foron obxecto dun roubo pouco despois de ser plantadas no lugar. Un acto vandálico que se suma ao roubo de plantas ornamentais plantadas por alumnos doutro obradoiro de emprego en Chapela. Desde o Concello piden colaboración veciñal para identificar aos responsables dos roubos, e advirten este tipo de actos vandálicos que prexudican “a todos os veciños”. A concelleira responsable de Benestar lamenta “a falta de civismo” dos autores destes actos, que son “un mal exemplo” para Redondela.

Carmen Amoedo edil de Benestar
Amoedo avanzou que o Concello xa solicitou a posta en marcha de novos obradoiros de emprego.
Javier Bas alcalde
O rexedor advertiu da necesidade de que os cursos de formación teñan unha maior duración.
Ignacio López-Chaves delegado da Xunta
O delegado territorial puxo a Redondela como exemplo de municipio implicado na formación dos desempregados.
Roubos de plantas e árbores
Carmen Amoedo lamentou a falta de civismo dos que cometeron os roubos xa que prexudican a todos os veciños.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará