Recta final da campaña, que hoxe remata. Os analistas coinciden en que este domingo celébranse as eleccións máis abertas e plurais da democracia, cun resultado incerto. Sen maioría absoluta para ningún partido, e con pactos postelectorais á vista, os redondeláns mantéñense expectantes.
Nesta semana os candidatos botaron o resto, porque segundo as últimas enquisas os resultados electorais están no aire. As sondaxes falan do PP como o partido máis votado, pero sen maioría absoluta. O resto de partidos con máis opcións, PSOE, Cidadáns e Podemos, dispútanse as seguintes prazas. Moitos electores, como Ignacio, pensan que “pode pasar de todo”, xa que o nivel de indecisos é moi alto. El mesmo recoñece que aínda non sabe a quen votar, malia que ten claro “a quen non”. Con máis dun 41% de indecisos, o único seguro é que o bipartidismo dará paso a algún pacto entre dúas ou tres forzas políticas. Paco pensa que é “moi difícil facer quinielas”, sen maiorías amplas, e pensa que a política de pactos será difícil. En campaña ningún candidato falou ás claras de posibles alianzas postelectorais. Paco entende que non o fagan, porque “pode restarlle apoios entre o seu propio electorado”. O panorama no Congreso será diferente, con máis partidos con alta representación. Moitos veciños pensan que será bo. Chus entende que sen maiorías absolutas e con máis partidos no parlamento será máis doado “controlar” o que faga o goberno. Mozos como Antía apostan por un cambio, porque as cousas “non están ben”. Pero non só a xente nova agarda un cambio. Tamén veciñas como Ramona e Cristina pensan que é positivo que entren no Congreso as formacións emerxentes, e denuncian “a corrupción e as mentiras” dos partidos tradicionais. Pero hai quen non quere cambios, e confía nunha nova vitoria electoral do PP. É o caso de Jesús, este xubilado entende que nos catro anos de goberno de Rajoy “as cousas melloraron”. Defende que habería que confiar de novo no PP “para que a recuperación continúe”. Veciños como Jesús están en contra de pactos postelectorais, e defende que goberne sempre “a lista máis votada”. Haberá que agardar á noite deste domingo, 20 de decembro, para coñecer a configuración do novo parlamento. Para saber quen será o novo presidente, probablemente haberá que agardar algo máis.
Este veciño entende que pode pasar de todo porque hai moitos indecisos.
Os partidos ocultan con quen pactarán para evitar fuga de votos.
Confía en que o panorama político mude a partires do 20D.
Agardan que o cambio supoña unha política diferente lonxe dos enganos e a corrupción.
Este veciño aposta pola reelección de Rajoy xa que entende que na súa lexislatura as cousas melloraron.