Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os políticos deixarán de ir nas procesións en representación do Concello

RR_Noticias

O pleno do concello aprobou onte, cos votos en contra do PP, unha moción da Agrupación de Electores na que se establece que os actos relixiosos deixarán de contar con representación municipal. Con todo os membros do goberno local poderían non acatar o acordo plenario xa que, segundo explicou a súa voceira, “un informe da secretaria municipal di que non é competencia do Pleno determinar se a corporación vai ou non ás procesións”.

A Agrupación de Electores volvía presentar por segunda vez unha moción na que reclaman que se elimine a participación da corporación en manifestacións de tipo relixioso e que os actos oficiais organizados polo Concello non teñan cerimonias destas características. Hai tres anos unha moción semellante non saíu adiante ao non contar co apoio do PSOE, concelleiros que nesta ocasión si apoiaron a proposta. Mauro González explicaba que os socialistas xa non acoden a este tipo de actos, algo que adoitaban facer no pasado cando non era estraño ver edís do PSOE encabezando as procesións. A procesión do Corpus, a do Carme en Cesantes ou as que se celebran nas distintas parroquias co gallo das súas festas patronais contan ata o de agora con representación municipal. Unha presenza de políticos do goberno que adoita ser numerosa co propio alcalde, Javier Bas, á cabeza. A voceira do PP Carmen Amoedo argumenta a presenza do seu grupo en nome do concello como un “acto de liberdade” e critica que dende AER “queiran prohibirnos estar presentes neste actos que son importantes para os veciños”. Engadía tamén Amoedo que asistir “a unha procesión cando somos convidados é como asistir a calquera acto deportivo ou doutras características que é importante para a cidadanía”. Engadía tamén que aínda que o acordo saíse adiante “carece de competencia xurídica xa que o pleno non é quen de determinar se a corporación vai ou non ás procesións”. Esgrimía nese sentido un informe da secretaria municipal. Dende o BNG, formación que sempre amosou o seu rexeitamento a que a corporación estivera representada en calquera acto de tipo relixiosos “como organización de esquerdas e nacionalista que somos defendemos que a administración ten que estar separada das confesións relixiosas” explicaba Xoan Carlos González, quen criticaba tamén que o goberno do PP se escude nun informe dun funcionario para “xustificar que quere ir ás procesións”. O edil de AER Jorge Varlea Chopi insistía na idea de que “non se trata de impedir que os concelleiros que profesen algunha relixión vaian, en virtude ás súas crenzas, a esa cerimonia, senón de que a “Corporación Municipal”, como tal, teña presenza nun rito relixioso, e que ademais deba xogar un papel determinado ou acudir con distincións e honras corporativas”. Animaba ao goberno a acatar o acordo plenario apelando “ao espírito democrático que tanto defende o alcalde”. A moción saíu adiante cos votos a favor dos grupos da oposición, con todo, haberá agora que esperar para ver se o goberno acata ou non o acordo logo de insinuar que non o faría “por non ter o pleno competencia xurídica no asunto”.  

Carmen Amoedo PP
Entende que a presenza da corporación nas procesións é un acto de liberdade
Xoan Carlos González BNG
Critica que se bote man dun informe da secretaria para defender posicionamentos ideolóxicos
Mauro Alvarez PSOE
O PSOE esta vez si apoia a separación entre relixión e corporación
Jorge Varela AER
O edil de AER apela aos populares a cumprir o acordo

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará