Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os redondeláns tómanlle a medida ao novo hospital Álvaro Cunqueiro

RR_Noticias

Un novo hospital que naceu rodeado de polémica e que agora os veciños de Redondela poden testar. Para moitos dos que xa acudiron a consultas ou probas, o hospital de Beade presenta “unha falta de organización total”, con longas colas para as citas e falta de información sobre a onde deben dirixirse os pacientes. Outros, pola contra, atopan as instalacións modernas e cómodas.

O Álvaro Cunqueiro sempre estivo rodeado de críticas. Os profesionais da sanidade denuncian a súa “privatización”, mentres o goberno defende un hospital “público e na vangarda da tecnoloxía”. Pero que opinan os veciños de Redondela? Os que xa acudiron á consultas ou revisións neste gran hospital destacan a “falta de organización” destes primeiros días. Lola, que acudiu a unha consulta, lamenta “as dificultades” para atopar as salas de consultas e a falta de información. Esta veciña de Redondela pensa que a inauguración e o traslado a Beade se fixo dun xeito “precipitado”, e que o cambio se debería facer dun xeito paulatino “para evitar estes problemas”. Unhas críticas que comparte Amaro, outro redondelán que acudiu esta semana a realizar unhas probas no Álvaro Cunqueiro, e que falta de “falta de organización” no hospital. As grandes dimensións do centro e a súa distribución complican a orientación dos usuarios, e a escasa sinalización do edificio “non axuda”. Pero non todo son queixas e críticas ao novo hospital. Tamén hai veciñas, como María, a quen as instalacións e a atención lle pareceron perfectas. Esta muller, de 80 anos, recoñece que chegou ao hospital “algo perdida”, pero que o persoal “informouna moi ben”. Alsira, que acompañou a un familiar á consulta, valora tamén positivamente o Álvaro Cunqueiro, cunhas instalacións “modernas e cómodas”. A súa única queixa é “o elevado prezo do aparcadoiro”. E é que ata esta semana os redondeláns tiñan que usar o vehículo privado para achegarse ao novo hospital de Beade, a uns 22 quilómetros de Redondela. Os problemas de mobilidade resolvéronse cunha liña de autobús directa que desde o pasado luns une Redondela co Álvaro Cunqueiro. Con dous servizos en horario de mañá e outros dous de tarde, a frecuencia é aínda insuficiente segundo denuncian algúns colectivos, xa que moitas horas quedan sen cubrir. Queixas dos pacientes como o transporte público e o aparcamento súmase a outras reclamacións dos sanitarios, que culminaron cunha multitudinaria manifestación en Vigo hai un mes, e coa destitución da conselleira de Sanidade o pasado luns. O novo conselleiro, Vázquez Almuíña, reúnese hoxe con todos os sectores do hospital. A xunta de persoal ratificou que van continuar coas mobilizacións e que levarán a cabo unha folga xeral o martes día 13. Os problemas cos celadores, os cocientes de persoal “insuficientes”, a privatización de servizos e os defectos estruturais son as principais razóns que os levaron a manter as mobilizacións.  

Lola paciente
Explica que no novo hospital hai moita desorganización
Amaro usuario
Este veciño entende que a sinalización non é axeitada e que está mal organizado
María paciente
Para esta veciña de 80 anos tanto as instalacións como a atención están moi ben.
Transporte público
As catro frecuencias diarias na liña de autobús ao novo hospital deixan sen cubrir boa parte do horario de consultas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará