Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Deputación elixe Redondela para promover a compostaxe como alternativa na xestión do lixo

RR_Noticias

O vicepresidente provincial César Mosquera reuniuse no Multiusos da Xunqueira cos representantes dos municipios da comarca de Vigo para explicar as liñas estratéxicas sobre residuos e anunciar que a Deputación apoiará os plans experimentais de compostaxe que propoñan os concellos. Insistiu en que a implicación municipal é básica á hora de buscar un modelo alternativo de xestión de lixo, polo que subliñou que se hai gobernos locais que queren botar a andar con pequenas iniciativas este ano, terán total asesoramento por parte da Deputación, así como apoio económico para o seu proxecto.

Este compromiso foi asumido polo vicepresidente no encontro mantido en Redondela no que explicou que o tratamento de residuos e a mobilidade serán dous eixos estratéxicos de traballo para a Deputación neste mandato. Asistiron representantes dos concellos da comarca de Vigo (Soutomaior, Pazos, Fornelos, Redondela, Mos, Porriño, Salceda de Caselas, Nigrán e Baiona) e os alcaldes de Covelo e Campo Lameiro.
En canto aos residuos, Mosquera explicou que hai unha grande variedade e escalas de solucións dentro da compostaxe “que funcionan mellor canto máis pequenas son” e que supoñen vantaxes tanto económicas coma medioambientais para os municipios. Sinalou que haberá unha liña provincial de axudas para que os concellos que presenten un proxecto de intervención poidan poñelo en marcha este mesmo ano.
Adiantou que entre as axudas que podería ofrecer a Deputación aos concellos están facerse cargo do subministro dos composteiros individuais (que roldan os 60 euros cada un) e dos comunitarios (duns 6.000 euros aproximadamente), así como facerse cargo da xestión e incluso do cobro dos recibos do lixo aos veciños en cada área.
O responsable provincial de Medio Ambiente lembrou que no ano 2020 a normativa europea obriga a que un 50% dos residuos urbanos sexan reutilizados ou reciclados, algo que non se pode acadar se non se trata a fracción orgánica do lixo. Tamén sinalou que esta área é unha competencia municipal, pero que dados os problemas económicos e técnicos que teñen moitos gobernos locais de pequenas dimensións, a Deputación decidiu converter a área de residuos en obxectivo estratéxico.
Por este motivo decidiu contratar a un asesor na materia, Carlos Pérez (que estará a disposición dos concellos), así como organizar unha viaxe a Navarra á que acudiron 45 representantes dos 62 municipios da provincia. Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que participou nesa viaxe incidiu na necesidade de que os concellos se impliquen e esforcen para poñer en marcha a compostaxe, “xa que non quedan alternativas”, ao tempo que recoñeceu que é un traballo moi complexo.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará