Hoxe é Sábado 7 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os usuarios demandan máis frecuencias e máis servizos na Estación de tren dos Eidos

RR_Noticias

Estreouse o sábado, con máis sombras que luces, a estación de alta velocidade de Redondela. Malia as amplas e modernas instalacións, a estación dos Eidos ten moitas deficiencias. A principal, a falta de frecuencias, xa que tan só teñen parada nela tres trens en cada dirección. A estación carece tamén de persoal, e servizos como cafetería.

Os horarios cara Pontevedra son ás 6:53. 13:33 e 21:43 horas. Os trens que circulan en dirección Vigo teñen a súa parada na estación dos Eidos ás 8:24, 14:21 e 22:27 horas. Un horario insuficiente, segundo os usuarios, que son certamente moi poucos a xoves nesta estación. Xosé Manuel fai a viaxe a Pontevedra, onde traballa, e afirma que os trens non son suficientes nesta estación, que debería potenciarse “con máis horarios adaptados ás necesidades de traballadores e estudantes”. Xose Manuel fai a viaxe acompaño da súa filla Uxía, que estuda na cidade do Lérez. Son os únicos viaxeiros que utilizaban a parada de Redondela no tren do mediodía. Uxía está convencida de que moita máis xente usaría o tren se tivese máis frecuencias. E tamén demanda máis e mellor información por parte de Renfe, xa que hai confusión entre os usuarios “sobre os trens que se dirixen á estación vella de Redondela ou á dos Eidos”. Para estes usuarios tería máis sentido que Renfe potenciara a liña entre a estación viguesa de Urzaiz en lugar de Guixar, e fomentase a dos Eidos sobre a vella, xa que en ambos casos son máis céntricas. Tamén demandan máis persoal nas instalacións, tanto para a venda de billetes como para informar aos usuarios sobre os horarios e as tarifas, e servizos como cafetería ou venda de prensa. Actualmente só hai un empregado de Renfe para atender aos pasaxeiros, e será por tempo limitado. Aaron está contratado por 15 días, ata o 2 de maio, para informar aos viaxeiros e axudarlles no que precisen. A partires desa data, segundo o previsto, non haberá ningún persoal na estación. Demanda do goberno local e críticas da oposición Desde o Concello xa demandaron ao Ministerio de Fomento que se amplíe o número de paradas. Arturo González, concelleiro de Transporte, cualifica o servizo de “decepcionante”, e lembra que Redondela é o cuarto municipio da provincia. Por iso demanda que Os Eidos sexa unha estación “de referencia” para a bisbarra, con máis trens, persoal permanente na estación e máis servizos. Desde o PSOE redondelán cualifican de “chapuza” a inauguración da estación, con numerosas carencias das que culpan ao Partido Popular. A inauguración da estación, que custou 7,3 millóns de euros, fíxose en precario. A porta metálica de entrada non funcionaba, e os usuarios debían dar a volta para chegar á plataforma a través da parte traseira, por un camiño en obras. Ese problema está resolto, pero hai outros. As escaleiras mecánicas non funcionan, e os teitos presentan manchas de humidade.

Xose Manuel viaxeiro
As tres frecuencias diarias son insuficientes.
Uxía estudante
Afirma que cun mellor servizo aumentaría o número de viaxeiros.
Falta de persoal
Aaron é o empregado de Renfe encargado de informar e axudar aos viaxeiros. Pero só ata o 2 de maio.
Arturo González concelleiro
O Concello de Redondela demandou a Fomento máis servizos de tren para facer dos Eidos a estación de referencia da bisbarra.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará