Hoxe é Domingo 13 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os veciños de Chapela entenden que as prazas de amarre do pantalán de Arealonga son suficientes

RR_Noticias

Entenden que o porto deportivo actual é suficiente para as embarcacións existentes, polo que rexeitan a petición de ampliación realizada ante a Autoridade Portuaria. Algúns veciños apuntan que aumentar as prazas podería xerar máis actividade económica na zona, pero advirten que a ampliación debería estar avalada por estudos ambientais e garantir que non prexudique o areal.

A corporación municipal de Redondela solicitará á Autoridade Portuaria de Vigo que paralice a ampliación do porto deportivo na contorna da praia de Arealonga pola súa repercusión ambiental. A moción presentouna o BNG e foi apoiada por PSOE e AER, cos votos en contra do PP. Os edís do grupo de goberno alegaron que non podían pronunciarse “mentres non se coñezan os estudos de impacto ambiental”. Entre os veciños da zona cos que tivemos ocasión de falar desde Radio Redondela, hai diferentes criterios. En xeral entenden que as prazas de amarre que existen na actualidade son suficientes, e que non se precisa ampliar máis o porto deportivo. José ten claro que seguir gañando terreo ao mar “pode ser prexudicial para o turismo e o marisqueo”. Máis rotundo se manifesta Daniel, que cualifica de “barbaridade” a ampliación dos pantaláns. Advirte que o actual porto deportivo “xa degradou o areal”, ao igual que os recheos realizados no litoral. Pablo tampouco ve necesario ampliar as prazas porque “hai moitas valeiras”. Este mariñeiro de Chapela atribúe esta solicitude a un afán “especulador”, xa que moitos propietarios alugan os seus amarres a donos de barcos doutros municipios da ría “para facer negocio”. Outros, como Samuel, non verían mal que se ampliase o pantalán, porque xeraría máis actividade económica na zona, coa condición de que as instalacións se mantiveran “limpas e baixo vixilancia”. A Autoridade Portuaria ten a competencia para conceder ou rexeitar as solicitudes do Círculo Cultural Recreativo de Chapela e a asociación Albatros de Teis, que suporían case 5.000 metros cadrados máis de pantaláns. A moción do BNG insta tamén ao alcalde Javier Bas, como representante do Concello na Autoridade Portuaria, a que interveña ante este organismo para paralizar o proxecto. Contra esta ampliación tamén se manifestaron a Asociación de Veciños de Chapela, o Club de Remo da parroquia e a asociación A Ría Non Se Vende.

Daniel veciño de Chapela
Para el a ampliación sería unha barbaridade xa que a degradación da praia sería aínda maior.
Pablo mariñeiro de Chapela
Afirma que non son necesarios máis amarres que hai moitos valeiros e que os propietarios fan negocio con eles poñéndoos en aluguer.
Samuel veciño
Entende que a ampliación será boa porque supón máis actividade e emprego na zona.
Carmen veciña
Esta veciña dubida que a ampliación dos pantaláns sexa prexudicial para o marisqueo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará