Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os taxistas de Redondela agardan a aprobación das tarifas para poder utilizar os taxímetros

RR_Noticias

Hai case un ano que instalaron nos seus vehículos estes dispositivos, pero non poden utilizalo ao non estar aprobadas as tarifas municipais que deben aplicar. O pleno de Redondela aprobou a pasada semana a normativa municipal que regulará este servizo, pendente agora da aprobación definitiva por parte da Dirección Xeral de Mobilidade e da comisión de prezos da Xunta.

Os taxistas xa fixeron a súa parte, mercar e instalar os taxímetros, tal como establece a normativa autonómica, cun investimento superior aos 1.000 euros. Hai case un ano que teñen os dispositivos nos taxis, pero non poden utilizalos ao non estar aprobadas as tarifas. Algúns como Jose mesmo chancean co feito de que cando poidan estrar o taxímetro “o aparato xa estará fóra de garantía”. O sector alcanzou hai meses un acordo que establecía un prezo máis beneficioso para os usuarios, xa que se reducía un 12% o prezo do traxecto mínimo, que pasa de 4 euros a 3,50 euros, ao que hai que sumarlle 1,05 euros o quilómetro de percorrido. O prezo da baixada de bandeira pasa a 4,50 nos domingos e festivos. A particularidade de Redondela, onde existe outro núcleo urbano en Chapela, é unha das cuestións que provocou controversia, xa que a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta non contempla a opción de establecer dous centros urbanos nun mesmo municipio. Outro motivo de conflito na nova regulación está nas quendas de servizo no aeroporto, reguladas por unha normativa da Xunta. En Peinador poden operar cada día 12 taxistas de Redondela, 22 de Vigo e 8 de Mos, que se van rotando. Segundo a normativa autonómica, os que teñen quenda no aeroporto non poden traballar na parada ese día, pero nada di o texto sobre se poden recoller clientes noutras zonas do municipio. Algúns, como Manuel e Jose, entenden que os taxis que fan o seu servizo no aeroporto “non deberían facer viaxes noutros puntos do municipio”, como acontece en Vigo. Outros, como Tomás, non comparten esta visión, e defenden o dereito dos taxistas a facer carreiras fóra de Peinador. Como no texto aprobado polo pleno non aclara esta cuestión, o Concello comprometeuse a manter máis reunións co sector para alcanzar un consenso e modificar este punto do regulamento máis adiante. Unha polémica aberta entre os taxistas, que nestes anos de crise ven como os ingresos baixaron máis dun 50%. As licencias duplican as permitidas O problema acentúase en Redondela onde existen o dobre de licencias que corresponderían por lei. A normativa galega establece un taxi por cada 1.000 habitantes, polo que Redondela debería ter uns 30. Agora hai 64 licencias, das que 60 están en activo. Para o sector sería beneficioso que as administracións “incentivaran” as xubilacións e se retiraran licencias, pero son conscientes de que a crise actual impide poñer en marcha este tipo de subvencións. A nova normativa de taxis tamén establece que os vehículos deben ser de cor branca e estar identificados, algo que xa acontece de feito desde hai anos. Ademais non poderán ter unha antigüidade superior aos doce anos.

Jose taxista en Redondela
Agardan a aprobación das tarifas para poder usar un dispositivo que hai case un ano que teñen instalado.
Manuel taxista
Piden que os taxistas que teñen quenda no aeroporto non poidan traballar ese día facendo outros servizos no municipio.
Exceso de licencias
Redondela conta co dobre de licencias que lle corresponden por número de habitantes.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará